Axentes de Galiza e Portugal participaron na operación. Seis persoas detidas, entre elas un colombiano, tres portugueses e dous galegos.
O xuíz de instrución xa interrogou os seis detidos e decretou prisión provisional para eles, por considerar que existe perigo de fuga e perturbación da investigación.
O labor de investigación que levou a esta detención estivo a cargo da dirección central de Investigación do Tráfico de Estupefacientes da PJ, en colaboración con axentes galegos da Unidade de Drogas e Crime organizado (Udyco).
O barco viña de Venezuela cargado de peixe conxelado e tiña como destino Galiza, para a partir de aí distribuír a cocaína a todo o Estado. As cinco toneladas incautadas estaban escondidas no xeo que cubría un grande lote de peixe importado. O feito de que a cocaína estivese no medio do xeo obrigou as autoridades a esperar a que este se desconxelase para saber cal era a cantidade exacta de droga. Esta é unha das maiores incautacións de droga realizadas polas autoridades lusas, despois das oito toneladas de cocaína incautadas no Algarve, ao sur do país, en 2006.