Un colectivo veciñal envioulle un informe a Audiencia Nacional hai xa dous anos e aínda non tivo resposta
Nos anos oitenta a ría de Arousa protagonizou centos de portadas nos medios de todo o estado. As redes tradicionais do tabaco de contrabando tíñanse reconvertido ao tráfico de haxix e de cocaína, produtos ben máis rendíbeis para os seus petos. A extraordinaria ascensión económica e social dalgúns personaxes contrastaba coa marxinación e persecución dos toxicómanos. Mentres o problema se agudizaba e moitos optaban por mirar cara outro lado, algunhas asociacións comezaron a erguer a voz.
Aínda que a maioría de colectivos xurdiron nas Rías Baixas e nas principais cidades galegas, non foron os únicos. Máis ao norte, en Carballo, nacía en 1991 Vieiro, unha nova plataforma de loita contra a droga, vencellada estreitamente co movemento asociativo bergantiñán. Dezaseis anos despois, aínda que con menos focos mediáticos enriba, segue a combater calquera silencio cómplice.
A súa zona de acción engloba toda a Costa da Morte, dende Fisterra até Caión (A Laracha). Para moitos esta franxa converteuse nos últimos anos nunha das principais portas de entrada do haxix e da cocaína en Galiza. A propia Fiscalía do TSXG no último informe sobre crime organizado no noso país achega un dato máis que curioso: “Na provincia da Coruña, na Costa da Morte, radica un coñecido clan que é considerado un dos maiores traficantes de haxix en Galiza, xa que na zona non actúa ninguén que non teña o seu consentimento”.
Agardando por Garzón
Xosé Manuel Vázquez Gómez, presidente do colectivo Vieiro, non ten ningunha dúbida: “Era visto que despois da presión que tiveron os traficantes na zona de Arousa o seguinte sitio máis idóneo era a Costa da Morte”. Vázquez lembra que nos últimos anos apareceron numerosos fardos con droga na beiramar.
En Vieiro saben ben de que clan fala o fiscal do TSXG. Hai xa dous anos, a asociación carballesa remitiulle a Baltasar Garzón un completo informe sobre a situación na Costa da Morte. No documento aportábanse datos concretos sobre o mesmo clan ao que se refire, implicitamente, o informe fiscal. O colectivo carballés incluso achegaba datos sobre empresas superpostas e testaferros que supostamente branquean o cuantioso capital que deixa o narcotráfico. Vázquez Gómez explica resignado que o coñecido maxistrado da Audiencia Nacional aínda non respondeu.