Acusan ao bipartito de favorecer aos concellos gobernados por PSdeG e BNG. Din que os municipios populares só reciben o 20% das axudas.
Segundo o PPdeG, a Xunta está a incumprir a Lei de Transparencia e "castiga aos concellos" gobernados polo seu partido, nunha "estratexia política" que comezou, segundo os populares, no reparto de Consellarías, feito "dun xeito clientelista e sectario" de xeito que "as Consellarías do nacionalistas favorecen aos concellos nacionalistas, e as Consellarías socialistas aos gobernados polo PSdeG".
Segundo o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, o seu grupo detectou un "sectarismo escandaloso" no reparto de convenios da Xunta cos concellos galegos, que se evidencia nunha distribución dos cartos "discriminatoria e interesada", posto que os municipios gobernados polo PSdeG "reciben case a metade do importe (48,79%), aínda que só teñen o 32,4% das alcaldías; e os nacionalistas, gobernando no 10,5% dos concellos, reciben case unha terceira parte (o 28,85 % dos convenios)".
Para os concellos do PPdeG, dixo Rueda, só hai o 20% dos convenios, segundo datos recollidos nun seguimento do seu partido ás subvencións concedidas pola Xunta aos municipios.
Sinalan aos que ven culpábeis desta "mala práctica"
Os populares sinalan como principais culpábeis do incumprimento da Lei de Transparencia (cousa que non atribúen á "falta de tempo, senón á falta de vontade política") ao conselleiro de Presidencia, Xosé Luis Méndez Romeo (a quen lle outorgan "a medalla de ouro ao sectarismo" xa que asinou, segundo din, o 93% dos convenios con concellos socialistas), a conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride; a conselleira de Sanidade, María José Rubio; o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez; a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo; e o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco.