Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICA DE MONCHO IGLESIAS

Suspenderon o Nadal en Belén

Era unha vez unha aldea pacífica chea de pastores e ovellas. O lugar chamábase Beit Lehem -casa de carne ou casa de pan- e os seus habitantes vivían felices entre pequenos oasis no medio do deserto. A alegría dos do lugar multiplicouse cando, atraídos por unha estrela de luz cegadora, confluíron alí xentes de todo o mundo para visitar un pequeno acabado de nacer: Xesús Cristo.

Moncho Iglesias - 10:50 30/12/2007
Tags: Belén Nadal

Dous mil sete anos despois, o lugar é feitiño en postais e panxoliñas. A alegría renóvase con cada festividade -e este mes de Nadal cristiáns e musulmáns celebran dúas das súas festas máis importantes-, pero nunca se multiplica. As luces cobren a vila, aínda que segue a haber unha soa que resalta sobre as demais. Preto do ceo, a máis de oito metros de altura, uns lucecús brillantes alumean todos os habitantes dun presebe xigante, vivinte e humillante.

Hoxe en día, Belén é coma un presebe: cuberto por todos lados e cheo de figuriñas inmóbiles que, se saen do espazo con carriza, desaparecen da función. Unha pequena imitación dese nacemento adorna fogares e centros comerciais -perdón, culturais- durante estas datas de memoria histórica. A carón dese belén, hanse sentar, esta Noiteboa, reflexións, agasallos e outros mariscos tan típicos da zona. Todos eles servirán para lembrar a importancia da familia, da esperanza, da alegría e dese neno que un día fixo cambiar os formatos dos almanaques.

As vésperas ao día de Nadal, as rúas de Belén volveron encherse de luces de cores, de xornalistas, de artistas, de compradores e de turistas. Todos eles buscaban fotos por diferentes motivos, ou respostas a preguntas de diferentes tamaños. Ningún deles aínda aprendeu que hai outros once días 24 no calendario, e outros tantos 25.

Tras sete anos de Intifada, os máis optimistas cren que este ano Belén vai recibir máis visitas ca o ano anterior, e por iso está vestida de gala. As cifras deste fin de ano convidan ao optimismo: o desemprego baixou un 15% -do 60 ao 45-, preto de 15.000 persoas da zona de Belén recibirán permisos para entrar a Xerusalén durante as festas -cristiáns e, normalmente, cada membro da familia un día distinto-, e os 60.000 turistas que se espera pasen a Belén estes días poderán entrar á cidade santa pola porta máis grande do presebe. Para iso, o goberno israelí preparou un acaroado de cemento, con baños incluídos, na entrada da cidade. Deste xeito, os turistas que se acheguen a Belén, poderán ir á Igrexa da Natividade con tranquilidade, sen necesidade de pararse no mercado ou falar cos locais. «Todos nós compartimos o mesmo interese económico», admite Xaúl Tzemah, director xeral do Ministerio de Turismo de Israel, sinalando o apoio por parte do seu goberno á vila de Belén.

Pensar en Belén coma un presebe non é máis que produto da imaxinación. Na realidade, Belén é parte de Cisxordania, parte de Palestina. Só é protagonista de ano en ano, relegada a un segundo lugar, ofuscada polo clamor popular de Gaza. En Cisxordania viven os bos, os que decidiron ir a Anápolis, os que levarán os cartos dos doadores para repartiren entre eles. Pero Cisxordania segue a ser un centro de negocios para as forzas de defensa israelís, cada mes, cada semana, cada día. De feito, os últimos palestinos mortos na zona non eran lanzadores de foguetes Qassam nin líderes militares de grupos de Gaza. Entre os últimos mortos está Mohammad Salah, un policía que parou unha furgoneta palestina que lle pareceu sospeitosa. Ao abrir a porta do furgón, pensando que podería haber artigos roubados nel, militares vestidos de paisano dispararon contra el, matándoo. A este e outros moitos, hai que sumar o nome de Ahmad al-Daia, que morreu de cancro na franxa de Gaza. Con el, morto esta mañá de Noiteboa, xa son 59 os falecidos dentro da franxa por non se lles permitir saír a recibir coidados nun hospital.

Mais é Nadal. É tempo de panxoliñas, de postais, de lembranzas, de esperanzas. Por iso, dende Belén: Bo Nadal -Id Mubarak. E unha postal e unha panxoliña, descargable na seguinte dirección: http://www.youtube.com/watch?v=HMyjywN-8Ac, porque houbo quen cancelou o Nadal en Belén.


5/5 (10 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: