Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DENDE BETHLEHEM

Fin do Ramadán en Belén

Ramadán, o noveno mes do calendario musulmán, é unha festividade na que se conmemora a transmisión do Corán ao profeta Mahoma. É un período no que, a diferenza doutras relixións, a espiritualidade cobra gran importancia e no que a comercialización aínda non contaminou os seus baseamentos. E isto non é debido, no caso palestino, ás continuas restricións –estes días non hai leite, por exemplo-, senón a unha fe que mantén no autosacrificio e a devoción a Allah un dos seus piares. Unha crónica de Moncho Iglesias Míguez.

- 07:28 26/10/2006
Tags:

Durante o Ramadán, os musulmáns maiores de doce anos están obrigados a xaxuar durante o día. Tampouco está permitido fumar, beber ou manter calquera tipo de relación sexual –neste Ramadán uns amigos exipcios foron recriminados por darse un bico nas horas do día-. O propósito desta vixilia é lembrarlle aos musulmáns os sufrimentos dos pobres e limpar deste xeito corpo e alma. Con todo, algúns hospitais critican este tipo de purificación posto que as urxencias por problemas estomacais crecen durante este mes, sobre todo polas noites. E é que, ao final do día, chega o iftar, a comida que marca o remate do xaxún. Familias e amigos comparten ceas copiosas intentando recuperar enerxías e unir os lazos da amizade.

A festividade, eminentemente relixiosa, fai que o estudo do Corán se converta nunha actividade habitual. Así, as mesquitas énchense de fieis que acoden a recitar o libro sagrado, completando a súa lectura ao final deste período. Ao mesmo tempo, os asiduos cinco rezos diarios chegan a vintedous; posto que, pola noite, a oración –tarawih- é moito máis longa. Por este motivo moitos dos templos musulmáns permanecen abertos todo o día e en moitas ocasións habilítanse outros centros para congregar a todos os fieis.

A noite do día 27 acaba o xaxún e comeza unha das dúas festividade máis importantes para o Islam –a outra é a peregrinación á Meca. Por tres días celébrase a Id-al-fitr, a festa da fin do xaxún, rememorando a data na que Mahoma recibiu a primeira revelación. Entón xúntanse familias e amigos, intercámbianse agasallos e felicitacións, bicos e apertas, e as comidas vólvense eventos multitudinarios. Emporiso, este ano, a festa está tinguida de medo e violencia en Oriente Próximo. Continuos ataques entre faccións opostas e unha economía estancada provocan un aumento nuns disturbios que só orixinan máis tensión.

Para moitas familias palestinas, as sancións impostas alteran o espírito natural das festas. A conxelación salarial dos traballadores dos centros gobernamentais, que leva consigo un retraso de tres meses no comezo do curso escolar nos colexios públicos, só incrementa a desesperación. Neste sentido, un oficial do goberno en Belén sentenciou que, unha situación na que un pobo teña que pedir permiso aos americanos para practicar a súa relixión é inconcibible. El mesmo apunta que, se axudar a un neno famento palestino é un acto terrorista; daquela, que viva o terrorismo. Desta opinión son moitos dos palestinos que atravesan momentos difíciles. Sen traballo, ou con el, pero sen cobrar por facelo, os palestinos intentan continuar unha rutina á que algúns non renuncian, conscientes de que esta é a súa fe.

Id-al-fitr é unha celebración na que a xenerosidade decora as casas dos máis necesitados. A caridade e as boas accións, dous dos piares do Islam, teñen especial relevancia chegada a fin do Ramadán. A obriga de compartir beizóns e entregar doazóns nas mesquitas axudan a que os máis necesitados podan gozar estes días da mellor forma posible. Por iso, as rúas desertas de Belén reviven por unhas noites. O temor provocado polas continuas incursións do exército israelí acusa o feito de que as rúas da cidade queden baleiras tras a posta do sol. Só nestas noites congrégase a xente fóra das casas para felicitarse ou convidarse uns a outros a tomar ma’amul ou qataif, doces típicos de Ramadán. As casas e as xentes, engalanadas como mellor poden, xuntan credos e crenzas baixo un mesmo teito: Palestina. Os chans convértense en improvisados tapetes para degustar manxares como mansaf –cordeiro con arroz e unha sopa de queixo- ou kedra –arroz con especies e cordeiro, e as familias medran inesperadamente mentres os máis achegados se unen, como un membro máis, agradecendo a Allah os bens que temos.

Remata o mes sagrado é voces se escoitan que prometen cambios. Debates sobre posibles coalicións ou separacións extremas ocuparon as últimas veladas; chega agora o momento de coñecer as conclusións. Namentres, haberá que esperar para saber que deparará o curso deste novo ano musulmán que termina cun certo arrecendo a penuria.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: