O presidente da Xunta dixo que "non é bo contribuír a xudicializar a vida política". O PPdeG votou en contra.
O PSdeG e o BNG aprobaron este xoves enviar as conclusións da comisión de investigación sobre a Cidade da Cultura á Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Porén, o presidente da Xunta, o socialista Emilio Pérez Touriño, abandonou o seu escano durante a votación para amosar o seu rexeitamento á medida.
Touriño explicou que evitou votar o ditame "por coherencia", xa que defende que "non é o mellor contribuír a xudicializar a vida política en ningún caso". Ao seu xuízo, a función do Parlamento "remata" no labor de poñer "luz e taquígrafos, transparencia e rigor a investigar o sucedido na xestión polo anterior Goberno" a través da comisión que realizou os seus traballos durante os últimos tres meses e medio.
"O Parlamento está para a política e hai que manter a división de poderes", aseverou o presidente galego, para quen o traballo parlamentario da comisión de investigación merece unha avaliación "moi positiva" e "pecha unha etapa que introduce transparencia e rigor", pero non debe abrir unha vía xudicial sobre posibles irregularidades na xestión do complexo cultural que se constrúe no Monte Gaiás e o custo da cal se disparou ata 476 millóns de euros.
Touriño intentou restar transcendencia ao seu abandono do pleno e definiu como "resultado previsíbel" que 37 votos dos escanos socialistas e nacionalistas, por 33 dos populares, sacasen adiante o ditame que recolle a recomendación de trasladar ao fiscal toda a información solicitada na comisión. "Acaba de aprobar con normalidade o seu ditame e iso é o relevante", afirmou, aínda que agregou: "sigo mantendo o meu criterio de que non é conveniente, e nunca o fixemos dende o Grupo Socialista, de que non hai que xudicializar a vida política".
Voto particular do PPdeG
No entanto, os votos dos deputados socialistas e nacionalistas uníronse no pleno de hoxe para aprobar o ditame que previamente pactaran ambos os dous grupos parlamentarios e aprobaran en comisión, mentres que o PPdeG defendeu en solitario o seu voto particular. Durante o debate parlamentario, os socialistas propuxeron eliminar a recomendación de remitir ao Ministerio Fiscal o documento da comisión de investigación para "non xudicializar a vida política" e antes da votación, os tres voceiros, xunto a Manuel Ruiz Rivas (PP) e Ismael Rego (PSdeG) mantiveron un breve contacto no Hemiciclo para intentar un acordo que eliminase esta recomendación.
O BNG e o PSdeG ofreceron a posibilidade de que o actual PPdeG "limpase o partido" e "cambiase de pel" para "afastarse" da anterior xestión sobre a Cidade da Cultura. Porén, os populares mantiveron o seu voto particular e votaron en contra do ditame acordado pola comisión de investigación por consideralo "inadmisíbel"; ao tempo que denunciaron a "interferencia" da actual Xunta nos traballos dos últimos meses.