A publicación 'Avaliación do mapa de infraestruturas do Eixo Atlántico' recolle todos os beneficios económicos que pode supoñer a nova liña.
Un estudo do profesor da Universidade de Vigo Xulio X. Pardellas asegura que a liña de alta velocidade entre Vigo e Porto poderá xerar no ano 2018 un incremento de entre o 1 e o 1,5% do produto interior bruto da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.
Segundo o traballo Avaliación do mapa de infraestruturas do Eixo Atlántico: Unha visión panorámica, citado pola axencia Lusa, o tren vai "dinamizar as sinerxias entre a zona interior e costeira e os medios rural e urbano e incrementar a cohesión social e a cooperación territorial no espazo europeo".
O estudo engade que a construción da liña de Tren de Alta Velocidade pode orixinar "un impacto positivo entre o 0,6 por cento e o 0,7% para o Valor Engadido Bruto (VEB) dos sectores no que respecta ao investimento público, o que significaría un aumento final do VEB de 5.660 millóns de euros" durante a duración da obra.
Xa a medio prazo, contribuiría á "fixación da poboación, e pode mesmo xerar un aumento", ademais de crear "novas oportunidades de emprego", estimadas en 100.000 postos de traballo. Deses, o 10% serían permanentes, mentres que o resto estarían ligados á temporalidade da obra.
Outro dos efectos positivos sería, segundo o traballo, "a reformulación da Eurorrexión como un destino turístico común, atraendo visitantes aos seus dous principais destinos, Santiago de Compostela e Porto", que se poderían presentar aos operadores turísticos europeos como unha oferta combinada.
Isto supoñería "unha duplicación do número de visitantes no conxunto da Eurorrexión".A curto prazo, a liña Vigo-Porto permitirá unha "redución de tempo para acceder aos aeroportos e ás instalacións portuarias, o que melloraría a competitividade do sistema produtivo", con novos empregos e investimentos privados. Todo isto redundaría na "mellora da calidade de vida para o conxunto dos residentes na Eurorrexión".