Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Proxecto que fora anunciado para 2007

A Xunta comprométese a expoñer en febreiro o seu modelo de "ordenación territorial"

Aínda que con algúns meses de atraso, o presidente da Xunta avanzou que en febreiro se coñecerá unha das iniciativas máis ambiciosas do Goberno, as directrices para a ordenación do territorio.

Redacción /EP - 09:00 27/12/2007

Daralle continuidade ás políticas deseñadas nos últimos meses para a protección do litoral fronte ás agresións urbanísticas, á colaboración estreita cos municipios para o despregue dos seus plans de ordenación urbana ou á propia Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. Segundo explicou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a presentación e aprobación das Directrices de Ordenación do Territorio producirase na primeira quincena de febreiro.

"Deixará postas as bases para o desenvolvemento posterior de todo o conxunto de políticas relacionadas co urbanismo e a ordenación do territorio", subliñou Pérez Touriño, recoñecendo que con todo, haberá que agardar máis para coñecer polo miúdo outros agardados proxectos coma é o do Plan de Protección do Litoral.

Reforma fundamental que chega con anos de atraso
Recoñecía hai poucas semanas o propio secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, que "os rexedores nin teñen clara a lexislación, nin teñen claro o modelo que busca Política Territorial, nin coñecen cara a onde quere avanzar o devandito departamento". Así e todo, Rueda evitaba afondar na responsabilidade do seu propio partido na creación dese caótico escenario do que el mesmo cualificaba como "caos no urbanismo e xestión anárquica do territorio".

Ao fío, o deputado socialista Abel Losada, reprocháballe a Rueda que se pronunciase neses términos, cando na súa opinión, o actual Goberno tivo que tomar medidas urxentes para "frear a política do todo é urbanizábel" despregada anteriormente. "Se tivéramos que cualificar os anos de goberno do PP en materia de urbanismo, falariamos de agresións urbanísticas e de negocios", considerou o voceiro en materia de urbanismo do PSdeG. Ao respecto, tamén desde o PSdeG, o secretario de Organización, Ricardo Varela, referírase anteriormente á etapa de goberno dos populares coma un treito "sen ningunha medida sensata en 16 anos" no ámbito da ordenación territorial.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: