Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
JUAN JOSÉ IBARRETXE, lehendakari

"O presidente español fala con ETA e non pasa nada, pero o lehendakari fala con Batasuna e comete delito"

O lehendakari Juan José Ibarretxe (Laudio, Álava, 1957) recibe a TEMPOS Novos no seu despacho do Parlamento vasco, en pleno centro de Vitoria/Gasteiz, unha mañá de pleno e votacións. Unha entrevista de Daniel Álvarez con fotografías de Asier Bastida.

TEMPOS Novos - 12:39 21/12/2007

O lehendakari vaise enfrontar a un xuízo por terse reunido con Batasuna pero, sobre todo, semella vivir para a súa proposta política, que inclúe unha consulta que incomoda enormemente na Moncloa. Como case sempre en Euskadi, ETA fai de pano de fondo.

¿Como se atopa ante o xuízo que lle agarda por se reunir con Batasuna?

Eu estou ben. É certo que unha acusación penal por dialogar é un absurdo que causa unha dor inmensa desde o punto de vista de quen cre na política e na separación da política e da xustiza en pleno século XXI, pero a pesar diso eu non me vou deixar arrastrar: a miña obriga é facer política, e a iso me adicarei plenamente. Este tema máncame, pero non me impedirá seguir buscando solucións para este país.

¿Cre vostede que é unha vítima dunha campaña política e xudicial?
 
Non exactamente. Eu teño a cabeza máis en facer cousas que no meu propio procesamento. Estou moito máis ilusionado coas propostas políticas e, sobre todo, co sentir da sociedade vasca. Esta sociedade sofre e sufriu moito coa violencia, coa falta de respecto ao noso autogoberno, e estamos cansos. Por iso toda a miña enerxía, máis que nunca, está dirixida a facer política. Agora que ETA nos quere levar atrás de novo e que Zapatero anunciou que non negociará co Lehendakari o que negociou con ETA hai catro meses, non permitirei que este xuízo me reste forzas.

Os socialistas acúsano de facer vitimismo para tirar réditos electorais...

Pois mire, se o Tribunal Supremo procesara a Zapatero polo mesmo motivo terían moi ben os socialistas as vindeiras eleccións de marzo, non si? Eu creo que xa chega dese tipo de acusacións.

¿Como ve o estado da Xustiza en xeral? ¿Comparte a percepción de desprestixio que se está a estender sobre ela?

Actuacións desta natureza non xeran confianza, e a xustiza sen confianza é calquera cousa menos xustiza. Isto está debilitando a confianza dos cidadáns na xustiza en xeral. Mais hai que precisar: eu reclamo ferramentas para nos defender do que determinados xuíces están a facer. Eu non traslado unha acusación global ao conxunto da xustiza: hai quen fai cousas atrapalladas e parciais, e que actúa con criterios políticos. Pero iso non é xeneralizable. Hai moitas persoas ao servizo desta administración que queren facer as cousas ben e que non se senten identificadas co que fan certos elementos.

¿Bota en falta algún xesto de solidariedade? ¿Recibiu a chamada dalgún presidente autonómico?

Non, pero eu non son partidario de valorar ese tipo de cuestións. Chamoume moita xente, e agradézoo. E a quen non me chamou, tamén. Doulle pouca importancia a este tipo de cuestións. O importante é o nivel de incredulidade que existe na cidadanía. Isto é unha contradición brutal: o Presidente español fala non só con Batasuna, senón con ETA e non pasa nada -e a min paréceme ben-, pero en Euskadi o lehendakari fala con Batasuna e comete delito. Iso non é aceptable. Mire, semella que en Euskadi todo é ilegal: Batasuna aquí está ilegalizada, pero no outro lado dos Perineos, no Estado francés, é legal. Aquí propoñer unha consulta democrática sen validez xurídica pero con valor político é ilegal e inconstitucional, pero en Andalucía e en Catalunya iso pódese facer. Hai diferentes escalas para medir.

¿Ve vostede relación entre este procesamento, que podería rematar coa súa inhabilitación, e a proposta política de consulta?

Non quero velo así. Por iso as miñas enerxías están destinadas a tirar dunha iniciativa política. Non quero pensar que iso sexa así, pero dígolle que se alguén pensa así erra no obxectivo. Eu vou cumprir a palabra que lle dei á sociedade vasca, que é a de buscar solucións.

¿A consulta é o máis importante da proposta ou é o máis mediático, e só é accesoria?

Son cinco pasos e todos se entenden uns con outros. Hai quen quixo ver na consulta un xeito de tótem, desvarío ou desafío. Pero iso é porque non leron a proposta no seu conxunto. É lexítima, democrática e integral, que se entende coma un todo.

¿Cales son os puntos?

O primeiro, oferta de pacto ao Presidente español co mes de xuño de 2008 como tope, e debate no Parlamento (2), ben para facer unha consulta en outubro para ratificar o acordo alcanzado entre as institucións vascas e as españolas, ou senón é así, para ratificar o acordo que acheguen as propias institucións vascas. 25 de outubro de 2008 sería a data da consulta (3) democrática que abriría a porta sobre dúas bases: (4) un principio ético para dicirlle a ETA que a súa violencia acabouse, e un principio democrático para obrigar aos partidos para lograr un acordo ao redor do dereito a decidir que debe ser ratificado polos cidadáns en referendo (5), este si con validez xurídica, antes do ano 2010.

¿Esta proposta que supón?

Unha mudanza metodolóxica total. Xa llo dixen a Zapatero. Ata agora os distintos procesos de diálogo en Euskadi baseábanse no esquema Goberno español-ETA, que sempre comezaban cando ETA declaraba un alto o fogo. É dicir, ETA sempre tiña na súa man o interruptor para acender a posibilidade de debate entre os partidos políticos. Pero cando ETA pechaba o interruptor a esperanza esvaécese. Por iso lle dixen a Zapatero: "eu non admito que para que nós negociemos, debamos ter a autorización de ETA. E eu non me podo resignar a que te negues a negociar co representante lexítimo dos vascos o que estiveches negociando hai catro meses con ETA". Como se pode defender argumentalmente esa posición? Nunca comezará de novo un proceso cando ETA queira nin rematará cando ETA queira.

¿E iso como se fai? ¿Que garantías hai de que ETA vaia a aceptar?

A partir de agora será a sociedade vasca a que poña en marcha o interruptor. Facémolo porque maioritariamente pensamos así, e seremos nós, e non ETA, a que diga que isto rematou.

O día do "interruptor" é o 25 de outubro

É...

¿Está definida a pregunta da consulta? ¿Cal sería? E fisicamente, ¿A consulta como vai ser?

Terá que ser o pleno do Parlamento o que defina as preguntas, pero están perfectamente apuntadas na miña propia proposta. E a consulta farase como se fan a miúdo, con plena normalidade, empregando censos, etc. Este país leva exercendo a democracia nos últimos 25 anos sen problemas, vimos de votar para os concellos, imos votar dentro duns meses para as xerais... Hai quen tenta sementar medos democráticos ou administrativos: antes eran os medos legais -ilegal, anticonstitucional...- pero non hai nin un só argumento para abonar esas teses. Logo viñeron os medos económicos -as empresas van marchar, isto é a ruína...-, pero non, este país con máis autogoberno ten máis benestar. Se no ano 2001 eramos o noveno país en renda da Unión Europea hoxe somos o terceiro. Por tanto, unha vez afastados os medos veñen as inxustizas, por exemplo, que os alaveses non voten: eu son alavés. Quen me vai quitar a min o dereito a votar?

Pero falamos dunha consulta sen validez xurídica...

Pero temos feito consultas que nuns casos tiveron validez e noutros non. A propia Constitución española recoñece que o referendo correspóndelle autorizalo ao Goberno español. Pero o Presidente español non é un órgano xurisdicional. Nin sequera a solicitude do referendo sería ilegal. Outra cousa é que o Executivo español debe autorizalo, pero non sendo un órgano xurisdicional decide estritamente de xeito político, porque senón sería un tribunal.

Só hai unha posibilidade de que a consulta se celebre, entón, e sería co apoio da esquerda abertzale (EHAK). ¿Iso dálle garantías?

Non é así, eu espero que a apoien o PP e o PSE. Pretendemos que o pobo vasco dea a súa opinión, somos sinceros. Vai ser difícil que o Partido Socialista lles diga aos seus votantes que non se lles pode consultar, porque seis de cada dez votantes do PSE, segundo as enquisas, pensan que o pobo vasco ten dereito a decidir o seu futuro, e que non podemos ser outra cousa que o que queiramos ser os que aquí vivimos e traballamos. E catro de cada dez votantes do PP pensan o mesmo. PSE, PP e máis EHAK dixéronme no pleno de setembro que non compartían a consulta. De acordo, respondín eu, mírenlles aos ollos aos seus votantes e díganlles: "Non, vostedes non teñen dereito a votar, decidiremos por vostedes en Madrid, con Rajoy e Zapatero". Que llelo digan. Por certo, PP e PSOE lévanse a matar en todos os temas, pero o único acordo adoptado nesta lexislatura entre ambos foi para dicir "non" ao novo Estatuto Político aprobado por maioría absoluta no Parlamento vasco.

A entrevista completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 127, decembro de 2007)


4,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: