Solicitaranlle ao Estado Español medidas de promoción da diversidade cultural tanto no ámbito educativo como nos medios públicos.
Os tres responsábeis de Política Lingüística
Os responsábeis de política lingüística de Galiza, Euskadi e Cataluña anunciaron que colaborarán en lograr que o Estado Español planifique accións que promovan o coñecemento da diversidade cultural e lingüística, tanto de tipo educativo como a través dos medios de comunicación públicos.
As actuacións previstas para o ano 2008, dedicado internacionalmente ás linguas, deseñáronse nunha reunión conxunta, na que tamén se analizou a marcha do protocolo de colaboración entre os gobernos galego, vasco e catalán que se asinou en marzo de 2007.
As accións caracterizaranse polo fomento e respecto polo plurilingüismo, para o que colaborarán co goberno español na normalización lingüística do éuscaro, do catalán e do galego na administración periférica. Tamén actuarán conxuntamente para que o Estado Español impulse e planifique actuacións educativas de promoción do coñecemento da diversidade cultural e lingüística do Estado.
Os tres representantes, Patxi Baztarrika, Bernat Joan e Marisol López coincidiron en pedir que RTVE contribúa á pedagoxía social a prol do multilingüismo, facendo visíbeis as tres linguas. As delegacións de Política Lingüística anunciaron que seguirán a traballar a prol da igualdade social entre todas as linguas.
No mes de febreiro os tres gobernos participarán cun expositor conxunto no salón Expolangues de París, como xa fixeran en Expolingua de Berlín. Na capital francesa organizarán actividades específicas que terán continuidade no resto de feiras internacionais de linguas que teñan lugar durante o ano.