A xustiza española considera que KAS e Ekin son “o corazón” de ETA.
A Audiencia Nacional deu a coñecer este mércores o fallo do sumario 16/98 contra a coordinadora independentista vasca Kas e a súa sucesora Ekin. Segundo os maxistrados, estas organizacións son “as entrañas e o corazón” de ETA. Os xuíces consideran que Kas “constituía a fronte de masas e a fronte mediática de ETA”. De Ekin aseguran que “non é máis ca Kas disfrazada baixo un manto de aparente legalidade”. A Audiencia Nacional tamén se refire á organización Xaki, que considera “brazo internacional” de ETA.
A xustiza española condena á cadea a 47 dos 52 procesados, cunhas penas que suman os 500 anos de prisión. Entre os condenados están o ex dirixente de Kas, Xabier Alegría, o ex director do Consello de Administración do diario Egin, José Luís Elkoro, ou o avogado Txema Matanzas.
Poden seguir nos xornais vascos a repercusión que está a ter a noticia e a sentenza íntegra: Deia, El Correo e Gara