O documento recolle nove emendas da oposición, que o cualificou de "pouco realista" por prever un crecemento do 3,5%.
Os dous grupos parlamentarios que integran o goberno da Xunta aprobaron este martes os orzamentos para o 2008, que totalizan 11.556 millóns de euros. Tanto o PSdeG como o BNG votaron a favor do texto, mentres que os parlamentarios do PPdeG se opuxeron. O Goberno afirmou que os presupostos buscan "afrontar as posíbeis ameazas" da desaceleración económica. Para o Partido Popular, a previsión de crecemento, do 3,5 por cento, é "pouco realista".
O conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, defendeu as contas, marcadas polo desexo "irrenunciábel" á converxencia co Estado e con Europa. Engadiu que a previsión de crecemento é "prudente" e avalada polos anteriores orzamentos, que tiveron que ser revisados á alza.
Fernández Antonio tamén salientou que a economía do país leva sete meses seguidos de crecemento por riba da media estatal, e o feito de que por primeira vez as contas no nrecorren ao endebedamento. Porén, o líder da oposición, Alberto Núñez Feijoo, dixo que os orzamentos son "os peores dende que goberna o bipartito" e que aumentan uns gastos burocráticos de escándalo".
Tanto os voceiros do PSdeG como do BNG, Ismael Rego e Carlos Aymerich, déronlle o seu apoio ás contas, que responden aos compromisos do pacto de goberno. Os dous criticaron as emendas presentadas pola oposición, 789 das que só se aceptaron nove, que representan 2,8 millóns de euros en total. Oito delas recaen na Consellaría de Medio Rural, cun valor de 2,4 millóns de euros. A outra refírese á Axencia Galega de Desenvolvemento Industrial da Consellaría de Innovación e Industria.