Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
REINVENTAN O CENTRALISMO

Editoriais de Tempos Novos: Contra as barreiras

Remata o 2007 con preocupantes anuncios preelectorais. Para o PP, a patria está en perigo, e nada máis urxente que devolverlle ao Estado a autoridade e a musculatura orixinarias para salvala. Adiantamos os editorias do número de decembro da revista TEMPOS Novos.

TEMPOS Novos - 12:03 17/12/2007

Remata o 2007 con preocupantes anuncios preelectorais. Para o PP, a patria está en perigo, e nada máis urxente que devolverlle ao Estado a autoridade e a musculatura orixinarias para salvala. A dereita quere verticalizalo en todo o que constitúe a esencia dos seus atributos soberanos (institucións garantistas, territorialidade, administración de xustiza, forzas de seguridade e defensa, sistema educativo, lingua española...), e para conseguilo precisa institucionalizar novos instrumentos que sirvan para rescatar cotas cedidas ás autonomías, para reprimir avances estatutarios, e para sancionar tendencias e reivindicacións federalizantes. O desafío da dereita está calando nos dirixentes do PSOE, que reforzan o seu discurso patriótico con logotipos, marcas e renuncias dificilmente compatibles coa imaxe da España plural na que Zapatero dixera crer. Rescatando a Bono do seu forzoso retiro político, os socialistas evidencian con pragmatismo o seu desapego republicano e federal, como vén de denunciar Maragall. Aínda que os socialistas non caian na trampa do soberanismo esencialista, uns e outros coinciden en establecer barreiras de protección que exclúan (PP) ou reduzan (PSOE) a participación dos nacionalismos territoriais na cogobernabilidade do Estado. Levarano a cabo se calquera dos dous acada maioría absoluta en marzo.

Chávez versus Putin


A campaña de demonización contra Chávez e o seu proxecto socializador pesou na avultada abstención de milleiros de chavistas, perdendo así o referendo. Moitos deles acabaron receando dunha reforma constitucional que concentraba na súa persoa demasiado poder. Foi por iso que tampouco validaron todo o seu potencial democratizador, emancipador e de participación/distribución do poder. Ten o chavismo poderosos inimigos que levan anos proxectando unha deformada fotografía do líder que, moi lonxe de aceptar a submisión dos seus antecesores, está disposto a consagrar unha boa parte da renda petroleira a conseguir unha autonomía efectiva fronte ás institucións financeiras internacionais, e outra gran parte ao financiamento de programas sociais. A xeometría do poder escriturada na constitución que non foi adiante reforzaba desde o pobo esa capacidade subversiva. Contra o que esa campaña intoxicadora se encargara de ventear, Chávez respectou escrupulosamente os procedementos que formalizan unha consulta popular. Todo o contrario do sucedido o mesmo día 2 na Rusia de Putin, ao que a UE e os EE.UU. perdoan tódolos excesos propios dun réxime ditatorial, autoritario e corrupto. Os observadores internacionais en ambos os dous países contrapuxeron a limpeza democrática, coa que o líder bolivariano perdeu o referendo, ao xogo sucio grazas ao cal o líder ruso dominará a Duma sen apenas oposición. Para avanzar nese recoñecemento democrático, desactivando en consecuencia a estratexia dos demonizadores, Chávez faría ben en cribar e consensuar o que na súa proposta constitucional cheiraba a personalización do poder. E reafirmarse no resto, para o que ten agora un aval democrático moito máis afianzado.

Vías incompatibles

O atentado de Baraxas cortara de plano o diálogo para a pacificación, e o das Landas executa o código de terror no que os etarras nunca deixaron de ser expertos. Outra volta, a espiral de violencia, que non ten saídas. Corenta anos deron para que a organización terrorista constatase que non é por ese camiño como poden conseguir a independencia buscada. Pero tamén deron para que os demais saibamos outras dúas cousas: que os seus militantes non son amantes da lóxica da vida, senón do irracional viva a morte, e que a estratexia de acción/reacción pode acabar con centos de dirixentes e colaboradores nos cárceres, ou pode adelgazar a súa base económica e mediática de apoio, pero nunca vai poder impedir a súa rexeneración. Sobre todo se, como vén de suceder co macrosumario 18/98, os representantes do Estado fan dese proceso masivo un monumento á vulneración das garantías procesuais e xurídicas, denunciadas no seu día por diferentes organizacións profesionais da avogacía. Haxa ou non conexión directa entre esas irregularidades e a condena a 527 anos de cárcere contra medio cento de persoas da esquerda abertzale, por unha banda, e o atentado que matou en Francia a un garda civil e feriu gravemente a un segundo, pola outra, non é de recibo administrar xustiza indo polo atallo. Ningunha propaganda máis eficaz ca esa para garantir a rexeneración da organización en tempos de presión. É no exquisito cumprimento do estado de dereito e na desafección social onde aos terroristas se lles ten que acabar algún día o osíxeno. Contando co definitivo empuxe negociador, que nunca faltou en situacións semellantes.

Editoriais publicados na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 127, decembro de 2007)


3,6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: