O Tratado de Lisboa introduce dúas novas figuras: un presidente permanente cada dous anos e medio, no canto das presidencias semestrais, e un representante diplomático común.
"É un tratado para o futuro, para a construción dunha Europa moderna, eficiente e democrática", afirmou José Sócrates, primeiro ministro de Portugal e presidente de quenda do Consello da Unión Europea. "É un día importante para Europa", subliñou a chanceleresa alemá, Angela Merkel, quen fora responsábel no semestre anterior do estabelecemento dun guieiro cara á consecución deste acordo, bautizado como Tratado de Lisboa.
O documento conséguese cando pasou un ano do voto negativo de Francia e os Países Baixos fronte ao texto anterior da Constitución Europea. O novo acordo evita referencias ao concepto de "Constitución" e elimina alusións ao supraestado europeo. Por outra parte, dálle ás costas á didáctica procurada no primeiro momento e ofrece unha redacción especialmente técnica desde o punto de vista xurídico.
Por outro lado, na xornada deste xoves destacou a renuncia de Gordon Brown a unirse á fotografía conxunta da sinatura, que realizou aparte e fóra dos focos públicos, nunha manobra que podería ter que ver co crecente euroescepticismo no Reino Unido, onde desde o bando conservador se cualifica o Tratado de "copia encuberta" do anterior proxecto de Constitución.