O medo a que se repita un rexeitamento popular como en 2005 coa Constitución é a escusa para que os estados ratifiquen o novo texto só pola vía parlamentaria.
Os xefes de estado e de goberno dos vintesete países da Unión Europea asinan esta quinta feira en Lisboa o Tratado Europeo, que vai substituír o proxecto de constitución, rexeitado en referendo hai dous anos e medio polo Estado Francés e os Países Baixos.
Esta é unha das principais razóns -o medo a que se repita o 'Non'- para que nesta ocasión, a maioría dos países -agás Irlanda, que sopesa organizar unha consulta popular- ratifiquen o novo texto unicamente pola vía parlamentaria.
O argumento para prescindir do referendo é que o novo Tratado non ten relevantes transferencias de poder e de soberanía nacional ás institucións europeas, aínda que si contén o esencial da fracasada constitución, insisten en apuntar todos os líderes.
Elimínanse no novo texto todos os valores simbólicos que poidan identificar á UE cun Estado, para contentar aos países máis escépticos. Está previsto que o Tratado Europeo entre en vigor en 2009, aínda que moitas das súas disposicións só se aplicarán varios anos despois, e, nalgúns casos con réxime de excepción.
Protestas no parlamento europeo
Xunto a este, subscríbese tamén esta quinta a Carta de Dereitos Fundamentais, que foi proclamada no parlamento europeo esta cuarta no medio dun ambiente moi axitado. A cerimonia foi ruidosamente interrompida por eurodiputados de esquerda e de extrema dereita, que reclamaban que se convocasen referendos para ratificar o Tratado.