Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENCONTRO BILATERAL

Quintana esprémelle nove competencias a Zapatero no último tramo da lexislatura

O goberno español comprométese a asinar o traspaso antes de que remate o mes de xaneiro.

Redacción - 16:42 12/12/2007

O agardado encontro entre o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, e o vicepresidente galego, Anxo Quintana, rematou este mércores con nove novas competencias que serán transferidas antes de que remate a lexislatura.

Zapatero comprometeuse a traspasarlle á Xunta a titularidade do Museo de Belas Artes da Coruña; o Museo do Castro de Viladonga; o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense; o Museo de Artes e Costumes Populares “Casa Martín Vázquez (Ourense); e o Museo das Peregrinacións de Santiago.

Tamén serán transferidos ao Goberno galego o Arquivo do Reino de Galiza (A Coruña) os arquivos históricos provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra: por último, a Xunta tamén xestionará as bibliotecas públicas que o Estado ten na Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Pontevedra. Así mesmo, danse os primeiros pasos para a cesión de uso do Castelo de Monterrei.

Mais a xuntanza tamén serviu para avanzar decididamente no traspaso das competencias en xestión e bolsas e axudas ao estudo; a expedición de titulos académicos non universitarios; a declaración de utilidade pública de asociacións; o traspaso da titularidade do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas ou na titularidade do Hospital Básico da Defensa de Ferrol.

Como xa se adiantara, Zapatero tamén se comprometeu a facer efectivos os 51 millóns de euros en concepto de débeda histórica en servizos sociais antes do 15 de xaneiro e a concesión do número telefónico 065 para o servizo de transporte adaptado.

"Cooperación intelixente"
Logo da reunión, que se prolongou durante máis de hora e media, Quintana mostrouse moi satisfeito cos avances logrados. Asegurou que “para Galiza non é boa a confrontación nin a submisión ao Estado, é boa a cooperación esixente e intelixente”. No encontro, os dous dirixentes abordaron as relacións entre socialistas e nacionalistas tanto no Goberno galego coma no Congreso.

En canto ás competencias, o vicepresidente sinalou que “nun mesmo acto é o paquete de competencias máis importante que Galiza vai recibir e sobre o que ademais existen prazos establecidos e fixados”. Así adiantou que antes do 22 de decembro se vai reunir a comsión bilateral Xunta-Estado e que agardan que as competencias estean asinadas antes de que remate xaneiro.


4,6/5 (35 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: