Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FORTE MALESTAR INTERNO

O 'sector crítico' queda fóra da nova executiva do SLG

Dez persoas conforman máximo órgano do sindicato, entre elas Lidia Senra que se encargará da Secretaría de Organización.

R.Vilar - 12:40 12/12/2007
Tags: crise SLG

Dúas semanas despois do VII Congreso do Sindicato Labrego Galego aínda non se amainaron as augas internas. A Dirección Nacional da organización agraria aprobou esta semana a unha nova Executiva na que queda fóra o chamado 'sector crítico' que lidera Xurxo Álvarez. O máximo órgano do SLG, liderado pola nova secretaria xeral Carme Freire, contará con dez membros (cinco menos que até o de agora) que se responsabilizarán de cadansúa área, entre eles a ex secretaria xeral Lidia Senra, que mantén un forte peso interno e pasa a desenvolver tarefas de organización e coordinación de comarcas.

Os partidarios de Xurxo Álvarez coidan que a “manobra” pretende esmagar as voces críticas internas. O propio líder desta corrente sinaloulle a Vieiros que se senten “marxinados” e lembrou que tiveron o 25% do apoio da militancia. Álvarez advertiu que non pensan quedar cos brazos cruzados e que van dar a batalla interna nas vindeiras semanas para ter representación.

Mais na nova andaina que abre o SLG vai haber cambios radicais. A partir de agora os dirixentes do Sindicato Labrego teñen que ser titulares dunha explotación. A medida aprobada nas ponencias congresuais, deixa fóra de xogo un importante número de cadros que traballan na organización pero que non teñen unha vinculación laboral directa co agro. Esta decisión pode ter múltiples lecturas. Por un lado, séguese a tendencia de moitos sindicatos europeos e polo outro elimínase o perfil exclusivamente político dalgúns dirixentes. A nova directriz tamén muda a situación dos traballadores do SLG (arredor de medio cento) historicamente habituados a participar nos órganos de dirección.

O inicio das tensións: A chegada do nacionalismo ao poder
Diferentes fontes consultadas por este xornal sinalan que as diferenzas internas quedaron acentuadas coa chegada do BNG ao Goberno, e máis particularmente á Consellaría de Medio Rural. As relacións entre o departamento de Suárez Canal e Lidia Senra, a pesar de pertencer os dous á UPG, non foron especialmente pródigas no que vai de lexislatura.

A grandes trazos, comezou un debate interno sobre cales debían ser as vías do SLG no novo tempo político. O 'sector crítico' consideraba que era preciso aproveitar a “oportunidade histórica” de influír directamente nas políticas de Medio Rural e aplicar parte do ideario que defende o Sindicato Labrego. Pola súa parte, o chamado 'sector oficial' facían fincapé en que a organización tiña que ser “autónoma”. A propia Carme Freire recalcaba isto último, pouco despois de ser elixida, nunha entrevista en Vieiros. Un cadro do SLG, alleo á última loita interna, comentaba que “o peor de todo é que as dúas posturas tiñan parte de razón: O SLG ten que aproveitar e apoiar a chegada do nacionalismo ao poder pero tamén ten que ser soberano para non comungar co que lle poñan diante”.

Os tempos mal medidos imposibilitaron o consenso
Os máximos representantes dos dous sectores compartiron até o último Congreso espazo na Executiva. De feito, semanas antes da mesma saltaron á luz pública as diferenzas, houbo unha xuntanza para intentar conseguir unha candidatura única. Na mesma reunión non se chegou a un acordo e quedouse en intentar salvar as diferenzas un pouco máis adiante. Neste intervalo de tempo celebráronse algúns congresos comarcais que deixaron claro que a vitoria dos partidarios de Carme Freire ía ser rotunda. A clarificación do escenario non deixou marxe a novos acordos.

Para moitos, as diferenzas tamén hai que buscalas en friccións internas no seo da Unión do Povo Galego (UPG), partido tradicionalmente hexemónico no sindicalismo nacionalista agrario. Nos dous sectores había importantes cadros que militan nesta formación política. Porén, a UPG apostou claramente polo chamado 'sector crítico' de Xurxo Álvarez á vez arrefriaba aínda máis as relacións con veteranas militantes como Lidia Senra ou a propia Carme Freire.


4,13/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: