Odón Elorza fora denunciado por Manos Limpias por non colocar a enseña a diario. A xuíza considera que o seu comportamento "non é constitutivo de delito".
Imaxe da casa do concello donostiarra / Flickr: Chaquetadepollo
A titular do Xulgado de Instrución número 4 de Donostia (Euskadi), Ana Martín, sobreseu a causa aberta contra Odón Elorza, alcalde deste municipio vasco, tras a denuncia do sindicato de funcionarios Manos Limpias por non pendurar a diario no Consistorio a bandeira española.
A resolución xudicial chegou na mañá desta cuarta feira ao concello. "Acórdase o sobresemento libre e arquivo das presentes actuacións respecto de Odón Elorza por non resultar o comportamento imputado constitutivo de ilícito penal", afírmase na mesma.
Elorza prestou declaración como imputado o pasado 30 de novembro no citado xulgado donostiarra onde negou ante a titular do mesmo cometer os delitos de desobediencia, prevaricación e abandono de funcións que lle atribuía o sindicato de funcionarios.
Naquel momento, o primeiro edil donostiarra rexeitou ante o xuíz "todas as acusacións" e, tras expresar a súa confianza na Xustiza, asegurou que aceptaría "calquera resolución" que adoptasen os tribunais. Ademais, considerou que a actuación de Manos Limpias estaba "manipulada polo PP".