CIG-Ensino e o Movemento polos Dereitos Civís difunden unha unidade didáctica sobre dereitos humanos por todos os centros de secundaria do país.
A CIG-Ensino e o Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) remitiron aos centros de educación secundaria unha unidade didáctica, coincidindo este luns co Día dos Dereitos Humanos, co fin de promover valores que incidan na igualdade.
O voceiro do MpDC, Renato Núñez, comentou que esta posibilitará aos profesores de todos os centros do país dispoñer dun material didáctico para abordar cos escolares estes temas nas aulas.
Núñez criticou que en Galiza hai moito polo que traballar aínda, xa que "malia que existen un gran número de dereitos recoñecidos, é moi difícil poñelos en práctica".
Dereitos como galegos
O redactor da unidade, o profesor Xoán Carlos Garrido, explicou que inclúe unha primeira parte teórica sobre os dereitos humanos no eido universal e unha segunda que exemplifica a loita dos dereitos humanos con información e exemplos do noso país.
A este respecto, Garrido fixo referencia a outros materiais enviados polo Ministerio español de Educación onde se recolle a defensa da nosa identidade como galegos, a nosa lingua, as tradicións, "mais redactados en español, unha contradición en si mesma".
Transversalidade
O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, incidiu na necesidade de abordar os dereitos humanos "de xeito transversal" nos centros educativos, co obxectivo de "educar en valores".
"Non se pode facer só cunha materia, senón que se debe incorporar ao resto da educación", reivindicou, aínda que dixo que había que pór en valor datas como a deste luns.
Neste senso, Louzao afirmou que "a escola debe transmitir estes valores ao alumnado, e crear cidadáns libres e críticos, que busquen a xustiza e a igualdade".