Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Proposta de Amnistía Internacional

Desde o contorno local pódese turrar en favor dos dereitos humanos

No Día Internacional dos Dereitos Humanos, o colectivo achega unha proposta de "Programa Municipal" neste ámbito.

Redacción - 14:00 10/12/2007
Imaxe da campaña de Amnistía contra a pena de morte

Imaxe da campaña de Amnistía contra a pena de morte

A proposta váiselle achegar de xeito específico ao Concello de Vigo, cidade onde Amnistía Internacional é especialmente activa a nivel galego, pero as ideas que achega son susceptíbeis de seren incorporadas por outros municipios.

Ideas contra o racismo, en favor da integración da inmigración, sobre a prevención da violencia contra as mulleres, arredor das necesidades da educación en dereitos humanos, encol da solidariedade con vítimas de violacións de dereitos humanos... Son todas áreas nas cales os concellos teñen amplas marxes de actuación. Amnistía xa lle achegara a suxestión ao alcalde e ao concelleiro de Participación Cidadá o pasado mes de outubro, aproveitando a visita á cidade de Joaquín José Martínez, ex condenado a morte nos Estados Unidos. Agora envíanlle un programa concreto de iniciativas.

"O concello ten competencias en numerosas áreas que teñen un gran impacto no respecto a promoción dos dereitos humanos", explica Alberto Estévez, voceiro local de Amnistía Internacional. O colectivo considera que todo ese conxunto de ideas permitirán articular "de xeito común e coherente" un abano de ámbitos onde o concello xa realiza algunhas actividades. "Vigo pode estar, se o fai, á cabeza da defensa e promoción dos Dereitos humanos, e ser un Concello pioneiro na materia", asegura Estévez.

A importancia da implicación cidadá
Desde Amnistía valoran especialmente o recente anuncio da próxima posta en liberdade de catro das persoas recluídas polo exército estadounidense no centro de detención de Guantánamo: o libio Omar Deghayes, o saudí Shaker Abdur-Raheem Aamer, o xordano Jamil el-Banna e o etíope Binyam Mohamed al Habashi. A asociación levaba arredor dun ano insistindo, coa colaboración cidadá a través do envío masivo de cartas e outras accións, na liberación concreta destes cidadáns. "É unha mostra de que o traballo de Amnistía funciona", defende Alberto Estévez.

A curto prazo, Amnistía ten como prioridade a campaña Sabes a que se xoga en China?, á que convida a participar a todos os internautas a través da web Actúa Con Amnistía. "Non nos opoñemos á celebración das Olimpíadas en China", expoñen, ao tempo que chaman a que a cita sexa "unha oportunidade e se tomen medidas urxentes para mellorar os dereitos humanos durante os Xogos de Pekín 2008, tal e como prometeron as propias autoridades chinesas en 2001, cando se elixiu Beixín como sede olímpica".


3,25/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: