Máis recursos e unha estratexia onde colaboren todas as administracións. Son claves para que o ámbito municipal poida ser un elemento activo en favor da normalización lingüística.
As axudas económicas que existen na actualidade non son suficientes. Así o concluíron os participantes no Primeiro encontro de política lingüística desde as administracións locais da Coruña. Pero alén dos cartos, é necesario que existan criterios e esixencias claras á hora de repartir eses fondos. A profesionalización dos servizos de normalización, a través da estabilidade laboral, a formación e a coordinación destes equipos, é unha materia pendente.
Durante o foro puxéronse de manifesto as eivas avanzadas a semana anterior nun informe da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua, CTNL: os concellos desaproveitan as axudas para a creación destes equipos. O estudo é claro: moitos concellos collen os cartos e á volta dun par de meses pechan o servizo. Só sete dos que recibiron a subvención máis recente van manter o servizo máis aló de final deste 2007.
Intervención social
Os participantes coincidiron en que os equipos de normalización lingüística dos concellos poden ser fundamentais para dinamización e o aumento do prestixio da lingua e do seu uso en todos os ámbitos locais. E porén, na actualidade, desde os gobernos locais non se está traballando nese sentido e non se estimula a introdución de políticas lingüísticas transversais activas, dinámicas e integradorasque impliquen no proceso normalizador a entidades, sectores e colectivos sociais diversos.
A inédita xuntanza desta semana no Pazo de Mariñán, conseguiu reunir a case un cento de persoas, alcaldes e concelleiros incluídos, que á beira dos técnicos de normalización lingüística e membros doutras entidades intercambiaron ideas e proxectos para mudar a situación. Todos eles coincidiron en chamar á organización de foros similares, a este só acudiron representantes de 40 municipios coruñeses, e chamaron á Xunta a promover encontros similares.
Coordinación de esforzos
Cara ao futuro, e no conxunto de demandas que se lle achegan ao Goberno, sublíñase a importancia da creación do Consorcio de Planificación Lingüística. Trátase dun organismo do que formarían parte todas as administracións locais que libremente queiran adherirse e que debería contar con capacidade de coordinación dos servizos locais de normalización e de intervención social en todos os ámbitos.