Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
DIONISIO PEREIRA, HISTORIADOR

"Non hai intención de solucionar os problemas políticos que a transición deixou sen resolver"

Para Dionisio Pereira, recuperar a memoria dos vencidos é, máis ca un traballo, todo un compromiso ético. Dionisio Pereira leva anos historiado a República e a Guerra Civil en Galicia. Agora enfróntase a un proceso xudicial por poñerlle nome aos represores falanxistas no concello no que vive. Por impedir que se fagan tamén coa amnistía da historia. Unha entrevista de Belén Puñal con fotografías de Isabel Lema.

TEMPOS Novos - 13:32 22/11/2007

Cando acudiu ao xulgado de Cercedo, algún dos presentes proclamou o nome do Franco. Sobrevive o franquismo sociolóxico en Galicia?

Existe como existe no resto do estado español, pero coido que non é un factor social determinante. A min o que me preocupan sobre todo son as "débedas" que ten o PP a ese nivel, e o feito de que non saiba desfacerse desa herdanza.

Nos últimos tempos, varias persoas foron levadas ao xulgado por tentar recuperar a memoria nos seus escritos, entre elas, Santiago Macías, Marta Capín, Alfredo Grimaldos -demandado pola familia Rosón-, e Alfredo González Ruibal, que tamén foi levada á xustiza por escribir sobre o ex alcalde franquista de Cerdedo. Coida que detrás destas actuacións hai unha certa estratexia de intimidación por parte de sectores conservadores?

Non teño ningún dato obxectivo para dicir que detrás da familia que me demandou poida existir outro tipo de estratexia, pero témome que así puidera ser posto que ultimamente están aflorando este tipo de demandas. Semella que se quere dar un aviso a navegantes para intimidar non só aos que escribimos senón tamén aos informantes, que adoitan ser persoas moi vulnerábeis, moi maiores, que sufriron moito, e que nalgúns casos mesmo viven en territorios onde falar custa traballo. Quérese evitar non só que se dean a coñecer os nomes dos represores senón mesmo que se utilice esta temática. As declaracións de Rajoy, cando di que se el gaña as eleccións vaise rematar isto da memoria histórica, ou que a memoria é para os antigos, son bastante determinantes.

O recurso á acción xudicial, pode pór en risco a recuperación da historia da represión?

Boa parte da represión non tivo ningún tipo de soporte documental. A represión extra legal, os paseos, torturas, humillacións, violacións e roubos, non deixaron ningún rastro porque xa se fixeron para non deixar pegada ningunha. A única maneira de pescudalos é recuperando a memoria oral. Todos sabemos cal é o método ortodoxo. A todos nos gusta ter o documento, poder contrastar os feitos o máximo posíbel e acometer as entrevistas con todos os condicionamentos metodolóxicos (gravacións, firmas de consentimento...). Pero non estamos nun país normalizado e ás veces é difícil poñer en práctica estas condicións. Eu estou nunha zona onde moitos informantes se negan a falar diante dunha gravadora, por razóns evidentes, porque aínda existen intimidacións.

Nas xornadas "O dereito a saber, a liberdade de investigar", celebradas en setembro no Grove, pedíase que os feitos aos que se chegase mediante a metodoloxía científica da historiografía non fosen xulgados... Sería posíbel chegar a situacións como a vostede está a vivir noutros países que tamén sufriron o fascismo?

En países como Austria ou Alemaña sería absolutamente imposíbel porque neses países o nazismo foi prescrito e está penado calquera tipo de panexírico destes réximes. Non se entendería socialmente que os familiares cunha posición relevante no réxime nazi intentaran que non saíran á luz detalles das represalias que houbo nestes lugares.

Unha vez que na transición a lei de amnistía garantiu impunidade para os crimes do franquismo, hoxe estanse a refortalecer novas estratexias de impunidade?

Nese senso, houbo aspectos preocupantes no texto inicial do proxecto de lei da memoria do PSOE. Dous artigos estipulaban a prohibición para publicar os nomes dos represores nos documentos que se lle daban ás vítimas. Afortunadamente, fronte á oposición doutros partidos políticos e dos grupos a prol de recuperación da memoria, estes mecanismos de impunidade elimináronse. Pero non deixa de ser preocupante que haxa presións a ese nivel.

Cre que a coñecida como "lei da memoria" posibilita un adecuado apoio institucional á reparación da memoria histórica democrática?

Comparto a postura de Amnistía Internacional. A lei que se aprobará mellorou bastante o texto inicial mais non cumpre cos estándares mínimos do dereito internacional canto ao cumprimento do dereito á verdade, á xustiza e á reparación. As vítimas seguen sen ter consideración xurídica. A condena ao franquismo faise a través da realizada no informe da Asemblea Parlamentario do Consello de Europa en marzo de 2006, mais non se asume a principal recomendación desa declaración: a creación dunha comisión da verdade, que dalgunha maneira puidera ditaminar a inxustiza dos xuízos franquistas e preparar o camiño para unha posíbel anulación vía actuación de oficio por parte da fiscalía.

Coida que declarar ilexítimos os procesos xudiciais do franquismo abre unha vía efectiva para a anulación, a nivel individual, dos xuízos sumarios?

A vía que se decidiu abrir pode ser un calvario, non está garantida a súa efectividade e pode ocasionar múltiples gastos a moita xente. Ademais, que pasará con aquelas persoas represaliadas que non teñan familia e que reclame xustiza por elas? Canto ao dereito á reparación, a falta de consideración xurídica implica que as vítimas non van poder reclamar as expropiacións que sufriron e que os crimes de tortura, de execucións extraxudicial e as desaparicións quedan fóra das indemnizacións. Na lei fanse basicamente declaracións de intencións, e resulta bastante ambigua nalgunha das disposicións.

Por que considera que se queda nunha declaración de intencións?

En primeiro lugar, non ten unha memoria económica acompañante. Sabemos da situación desastrosa na que están algúns arquivos. Garantir o acceso a eles e a súa catalogación require diñeiro. Outras cuestións, como a introdución da memoria democrática no ensino, quedan dentro desa hipotética formulación de políticas públicas da memoria. Por outra banda, non se fixan prazos para a retirada de simboloxía. Ínstase ás entidades privadas á súa retirada e indícase que se non o fan, poderán denegarlles subvencións, mais iso, na práctica, dependerá de quen goberne en cada momento. Resulta ambiguo ademais a indicación que se fai de non retirar aquelas placas que signifiquen un recordo privado e que non fagan referencia á guerra civil.

Coida que non está a haber suficiente capacidade de presión social?

Ou ao revés, a dereita apremou máis. O movemento pola recuperación da memoria, polo que coñezo aquí en Galicia, é moi novo, tivo unha eclosión moi importante no ano 2006 e continúa a traballar facendo cousas moi interesantes pero carece de estrutura e non ten unha capacidade forte de presión ante os poderes públicos. Iso quedou claro non só en Galicia, senón no resto do estado, poñendo á parte as divisións e os sectarismos existentes, que sempre son moi negativos.

A entrevista completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 126, novembro de 2007)


4/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: