Afirmouno este mércores o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, na súa intervención na comisión parlamentaria. Touriño defendeu que diante do problema herdado o actual Goberno introduciu "racionalidade, viabilidade e sostibilidade".
"Estamos diante dun proxecto sen marcha atrás", subliñou Emilio Pérez Touriño, quen cualificou de "ambiciosa e arriscada" a iniciativa que está a despregarse no Gaiás e lamentou as "controversias" e "cautelas" que aínda permanecen ao respecto. Na opinión do presidente da Xunta, as críticas que á actual proposta aínda permanecen débense á análise que o Consello de Contas realizou sobre o proxecto anterior. Así, segundo Pérez Touriño, é necesario destacar o "antes e o despois" que ao respecto marcan as eleccións de 2005. Foi nese sentido que se referiu ao "problema" deixado polo executivo anterior, ao que lle reprochou a "indefinición técnica" e de "usos e contidos" coa que deixaron o proxecto. Fronte a esa situación, salientou o "rigor" e a "transparencia" que na súa opinión introduciu o actual goberno.
Proxecto "galego" que terá o apoio do Estado
"Será un proxecto ideado e xestionado desde Galiza e contará co apoio do Estado", dixo Touriño. Ao respecto, insistiu en que o actual executivo garante a viabilidade financeira do Gaiás e avanzou que tamén está garantido o apoio do financiamento externo.
Nesa liña, revelou que aínda sen compromisos concretos de financiamento por parte do goberno español, a Xunta si conta en todo caso en que a vontade de colaboración se explicite en varias axudas. Así, o Goberno conta coa inxección económica do executivo español para os centros onde a colaboración de Madrid sería importante, e citou deste xeito o Centro de Investigación Patrimonial e o Centro de Enlace Cultural.
Compromiso "asumido" desde o primeiro momento polo bipartito
"Sería irresponsábel e frívolo", explicou o presidente sobre a posibilidade da renuncia a un proxecto que implicaba "o desperdicio" dun elevado investimento xa comprometido. "Tampouco se podía deixar a medias", indicou, referíndose ás consecuencias que segundo el implicaría a "mutilación" dun conxunto arquitectónico do que estragaría dese xeito o seu potencial de proxección internacional.
"Hoxe si podemos falar dun proxecto cultural, e non de simples etiquetas no cabeceiro dun edificio", afirmou Touriño, destacando as comparecencias do venres pasado dos conselleiros de Economía e Cultura, onde segundo o presidente se "disiparon todas as dúbidas" sobre os custos finais do proxecto e o esquema de contidos marcado "pola calidade e a innovación". "Un proxecto así debera nacer cun gran consenso social, con transparencia e rigor", censurou ao respecto da actuación do anterior goberno.
Durante a súa intervención, Touriño falou da "dimensión simbólica" do Gaiás, proxecto ao que lle atribuíu a capacidade de ser "unha gran oportunidade para internacionalizar Galiza" e "enviarlle ao mundo a mensaxe dunha Galiza renovada que mira o futuro e confía nas súas capacidades para proxectos ambiciosos". Destacou nese sentido, o vínculo cara á Latinoamérica ao que servirá o proxecto, e referiuse en particular á importancia concreta da inserción de Galiza no ámbito da lusofonía. "Un país que non quere estar na periferia, senón na primeira liña dos debates culturais internacionais", subliñou. Opina o presidente que a Cidade da Cultura non eclipsará outras estruturas do país, senón que será centro de "estímulo e posta en valor", plataforma de internacionalización, elemento vertebrador e "poderoso foco para atraer o turismo internacional".
Complicada unidade entre os grupos parlamentarios
"Chegou a hora da unidade", pediu o presidente da Xunta, chamando a "aparcar diferenzas" e "arrimar o ombreiro a prol do que é un proxecto de país". "Estamos todos metidos no mesmo barco, tanto os que cremos no proxecto como os que seguen dubidando del. Do que se trata agora é de que rememos todos na mesma dirección", considerou Emilio Pérez Touriño, comentando ademais o elevado grao de consenso e a consulta que desta volta se fixo entre diversos sectores culturais e coas principais institucións culturais do país.
Pola súa parte, o voceiro do PPdeG este martes na comisión parlamentaria, o deputado Manuel Ruíz Rivas, opinou que o Goberno vese abocado a "defender de mala gana" un proxecto do que "desexarían que non existise". "Hai anos que nós solicitamos o apoio e a colaboración que vostede agora ofrece", laiouse Ruíz Rivas.
Deste xeito, o PPdeG fixo resumo outra vez das principais argumentacións xa utilizadas polo partido durante as semanas nas que transcorreu esta comisión de investigación. Así, Rivas teimou en que o informe do Consello de Contas sobre o Gaiás "non menciona en ningún momento a palabra irregularidade" e asegurou que proba diso é que a propia institución non considerou oportuno enviarlle o documento á fiscalía. Insistiu o deputado do PPdeG en que o goberno de Manuel Fraga actuou de xeito "legal" en todos os procesos relacionados coa Cidade da Cultura.
"É hipócrita falar así cando non se quería que nacera o rapaz", díxolle Manuel Ruíz Rivas a Touriño, "pero o rapaz naceu porque alguén creu en Galiza, na Cidade da Cultura e no seu futuro". Ao fío, aproveitou para criticar a campaña de publicidade aparecida en varios medios de comunicación este mércores e preguntou "canto lle vai valer aos galegos vender a Cidade da Cultura?". De paso, tirou de arquivo para presentar a imaxe de Emilio Pérez Touriño á beira do presidente brasileiro, Lula da Silva, onde asegurou que se ve ao presidente galego entregarlle a Lula un libro onde se detallan os contidos que o goberno Fraga proxectara para o Gaiás. "Vostede foi presumir disto ao estranxeiro", ironizou Rivas.