Os gobernos español e galego sentan as bases do acordo para transferir o parque nesta data, logo da xuntanza da Comisión Mixta entre as dúas delegacións de Medio Ambiente.
Tanto o secretario xeral para o Territorio e a Biodiversidade do Ministerio de Medio Ambiente, Antonio Serrano, coma o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, confirmaron que sentaron as bases do acordo para que o Parque das Illas Atlánticas se poida transferir a Galiza o 1 de xaneiro de 2008.
Así o comunicaron na rolda de prensa organizada tras a reunión da Comisión Mixta do Parque Nacional Illas Atlánticas, este martes, onde tamén se abordou a incorporación da illa de Sálvora ao programa de funcionamento do parque.
Serrano afirmou que se trata de que Galiza "de xeito formal poida gozar da transferencia", e salientou a "boa colaboración" entre o ministerio e a consellaría.
Pola súa banda, Vázquez precisou que no acordo ambiental "está practicamente todo acordado" e adiantou que esta cuarta feira haberá unha reunión na que se perfilará o trámite administrativo. Neste senso, Serrano incidiu en que "falta o aspecto formal", porque o contido "está moi satisfactoriamente para os galegos".