Logo da indefinición e o temor que no trato do tema mantiñan os partidos, acláranse posicións. Populares e socialistas só estarían dispostos a restrinxilo nas municipais.
Dous puntos conseguirían até o de agora o consenso entre todas as forzas políticas neste asunto. En primeiro lugar a necesidade de que o sufraxio se realice en urna e que ao tempo sexa froito dunha depuración do censo de residentes ausentes que elimine as irregularidades detectadas. En segundo lugar, que os emigrantes computen á hora do reparto de escanos entre as provincias.
Pero non hai acordo nun aspecto clave: en que citas electorais poderán ou non votar os emigrantes? O BNG foi o primeiro en presentar unha proposta ao respecto, e o seu voceiro parlamentario, carlos Aymerich, subliñábaa este mesmo mércores: voto para os emigrantes de primeira xeración e só nos comicios xerais e europeos, de xeito que non poidan facelo nin nas eleccións autonómicas nin nas municipais.
PPdeG e PSdeG estarían dispostos a estudar a supresión do voto emigrante neste último caso, o dos comicios locais. O propio presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, pronunciábase a prol desa posibilidade esta mesma semana. Non así no caso das eleccións galegas, onde por exemplo o voceiro parlamentario do PSdeG, Ismael Rego, explicou que o seu partido "non é proclive a limitar dereitos". Así e todo, tanto populares como socialistas evitan polo momento afondar nesta cuestión. O deputado popular Aurelio Miras Portugal, ex conselleiro de Emigración, laiábase esta cuarta feira do "caldo de cultivo" creado para que a cidadanía sexa proclive a "limitar dereitos dos residentes no exterior".
Desde o BNG, Aymerich pedíalle aos seus interlocutores "un esforzo de honradez" para tratar o asunto e evitar que se produza o "escándalo" das últimas eleccións. En 15 días as posicións de todas as formacións políticas deberían estar claras, con todas as propostas sobre a mesa.