Afirma en Fisterra que a Xunta "non finalizou ningunha obra que non deixase en execución o anterior Goberno; e iso sábeo a xente da Costa da Morte".
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, acusou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, de "prometer moito e non cumprir nada" cando se cumpren cinco anos do accidente do Prestige "e iso sábeo a xente da Costa da Morte".
Díxoo este luns nunha visita a Fisterra onde se reuniu con alcaldes, voceiros, concelleiros e deputados populares, así como con algúns mariñeiros. Feijoo criticou que o mandatario galego ofrecese "moitas palabras" e "moitos enganos", polo que subliñou que as "únicas" obras comprometidas tras a catástrofe "son as que deixou finalizadas ou en execución a Xunta do PPdeG".
Así, o líder dos populares sinalou que cinco anos despois do Prestige e do "post Prestige" fica a "zona dobre cero: cero metros de chan industrial, porto de Cee, parador de Muxía, autovía Carballo-Fisterra e acuicultura".
Plan Galicia
Neste senso, manifestou que todos os concellos da Costa da Morte estaban incluídos no Plan Galicia, que recollía ademais da mellora de estradas e portos para impulsar a creación de novas empresas, a creación de dez parques empresariais en diversos municipios da zona.
Núñez Feijoo rexeitou tamén que o Plan Acuícola da Xunta "expulse" a empresas galegas a Portugal. "O PPdeG ante a crise do Prestige mirou para adiante e fixo unha aposta firme polo futuro de Galiza e, en particular, da Costa da Morte", afirmou.