Levan varios días teimando por pendurar a famosa pistola Taser do seu cinto. Amnistía Internacional non aproba o emprego da Taser.
A pistola Taser é unha arma que dispara dous dardos á fronte, que chegan até sete metros de distancia e que se prenden na roupa ou na pel, (se non leva roupa), da persoa á que se dispara. Daquela, o portador da arma só ten premer outro botón para que a persoa prendida reciba 50 mil voltios directamente no seu corpo, pero a un nivel baixo de amperios, que fai que se paralice todo o corpo durante 5 segundos. Despois, se se quere, pódese repetir a operación, ou isto din os policías municipais de Vigo que levan semanas demandando esta arma porque, segundo contan, moitas veces non son quen de facerlles fronte a delincuentes moi agresivos.
Na quinta feira recibiron clases de manexo da pistola. Só hai unha persoa en Galiza que a sabe usar, José Luis Brage, quen, a petición do sindicato SICO (maioritario na policía viguesa) reuniu a varios axentes da cidade e de vilas da bisbarra (Pontevedra, Moaña, Nigrán e Ponteareas), ademais de dous policías españois, na súa clase.
Houbo catro voluntarios (un cámara de TV e tres axentes), que se ofreceron á electrocución e, ao parecer, todos os presentes coincidiron ao sinalar que a arma é inocua, "só quedas teso" uns segundos, aínda que todos aseguraron non ter sentido dor.
Abel Caballero amosouse "cauto"
Ante as demandas dos seus policía, o alcalde de Vigo amosouse cauto e afirmou que "é un tema que hai que analizar moi en detalle, porque ten moita envergadura" e seguiu, "debemos coñecer a fondo as consecuencias de usar esta arma contra unha persoa".
Amnistía Internacional non aproba o emprego da Taser
Pola contra, AI non considera que a arma sexa inocua e pediulle esta semana ao Concello de Vigo que non autorice o uso da pistola. A organización xa lle tiña pedido á Xunta, o mes pasado, que a policía autonómica e as policías locais do país non as adquiran nin as usen. Nin Xunta nin Concello responderon aínda ás demandas de AI.
Nun recente informe, AI denunciaba o descontrol e a falta de regulación sobre as armas tipo Taser no Estado, nun contexto no que algúns corpos están a anunciar a súa adquisición e policías locais de polo menos tres Comunidades Autonómas dispoñen delas. O Informe Voltios sen control. Uso de pistolas tipo Taser e outras defensas eléctricas de seguridade en España, elaborado pola investigadora viguesa da organización, Yolanda Román, conclúe que estas armas poden provocar facilmente sufrimentos e lesións innecesarias e mesmo a morte. Ademais, poden empregarse para torturar e ser un fácil instrumento de uso abusivo.
"As pistolas paralizantes de electrochoque Taser teñen a capacidade de inflixir dor severa mediante a descarga de 50.000 voltios ao corpo con só premer un botón e sen deixar marcas relevantes, o que as converte nun instrumento moi perigoso susceptible de ser utilizado para torturar e maltratar. Este tipo de armas arrastra un inquietante historial de abusos contra os dereitos humanos alí onde o seu uso se estendeu, como EUA ou Canadá", din dende AI, ao tempo que reclaman a suspensión do seu emprego á espera dunha investigación, a cargo de expertos independentes, sobre os efectos na saúde das persoas que provoca a súa utilización.
Xa se empregan no Estado
Aínda que o uso de armas tipo Taser non se xeneralizou, si que foi en aumento. Segundo conta AI, algunhas Policías locais e autonómicas adquiriron este tipo de armas nos últimos anos, incorporándoas como dotación dos seus axentes ou co fin de probalas.
A policía nacional, a garda civil e a maior parte das policías autonómicas e locais non dispoñen de defensas eléctricas como dotación. Só os GEO (Grupo Especial de Operacións) dispoñen de varios exemplares. En canto ás forzas armadas, o exército de terra adquiriu estas armas para a súa avaliación, do mesmo xeito que a policía catalá, os Mossos d'Esquadra. En Canarias, con todo, as defensas eléctricas forman parte do material básico das policías locais. A normativa da Comunidade Valenciana considéraas dotación opcional. E polo menos outras catro Comunidades Autónomas teñen unha normativa ambigua que abre as portas á utilización destas armas como parte da dotación das policías locais.
Aquí vos deixamos un vídeo dos efectos da pistola, grabado nos EUA, onde Taser xa é unha palabra de uso común e mesmo un verbo, xa que é normal "tasear" a alguén: