Os veciños concentraranse diante da cadea até lograr a liberdade dos 'tres do Eixo'. Simón Márquez, Xosé Moreira e Xesús Montoiro cumpren dez días presos.
O pasado 30 de outubro foi o seu último día en liberdade. Porén, o movemento que reclama o seu indulto non para. Unha das últimas decisións dos veciños é a de trasladar as protestas até as inmediacións do centro penitenciario de Teixeiro. De feito, o seu voceiro, Xosé Manuel Bocija, aseguraba este venres que incluso están a valorar que estas concentracións teñan uns días fixos até que sexan liberados. De todos os xeitos, móstrase optimista debido “ao gran apoio social” que están a ter os tres veciños.
O indulto polo que tanto clamaron os seus veciños non dá chegado. Porén, La Voz publicaba este venres que as autoridades penitenciarias están dispostas a concederlles o terceiro grao, que só lles obrigaría a durmir na cadea. Os 'tres do Eixo', segundo a información, poderían ter o réxime aberto nun prazo máximo de dous meses.