Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
E O INDULTO NON CHEGOU

Os 'tres do Eixo' non camiñaron sós até Teixeiro

Máis de medio milleiro de persoas arrouparon aos tres veciños acusado de agredir a un axente nos momentos previos ao seu ingreso na cadea.

R.Vilar/R.Noguerol - 21:05 30/10/2007



De nada serviron 12 mil sinaturas de apoio, nin a solidariedade do Parlamento e do Concello de Santiago para que dende Madrid chegara o indulto. Os “tres do Eixo” camiñan xa cara a cadea de Teixeiro, onde estaba previsto que ingresaran contra as 20.30 horas deste martes. Mais ninguén poderá dicir que camiñaron sós. Máis de medio milleiro de composteláns, acompañaron aos acusados até que os autobuses dos veciños tomaron rumbo dende a Avenida de Xoán XXIII cara o centro penitenciario. Entre os presentes atopábase o tenente de alcalde do municipio, o nacionalista Néstor Rego; membros do Movemento polos Dereitos Civís; sindicalistas da CIG; o escritor Suso de Toro; ou mesmo actores como Miguel de Lira.

Non houbo berros, nin proclamas. Todo quedou envolto nun silencio ben elocuente e nas bágoas que puxaban nos ollos de moitos dos concentrados. Ninguén entendía como tres veciños, sen ningún tipo de antecedente, tiñan que entrar na cadea. A xustiza, demasiado a miúdo, non entende de sentimentos nin de razóns. Simón Márquez, Xosé Moreira e Xesús Montoiro cumprirán dende esta noite unha condea de sete anos de cárcere. Un xuíz atopounos culpábeis dun delito de lesións e outro de atentado contra un axente da Policía Nacional. Os feitos tiveron lugar en xullo de 1998, no decurso dunha manifestación veciñal contra as obras na estrada N-525 que afectaban á parroquia.

A indignación dos veciños é evidente. Algúns clamaban este martes contra o que tildan de “inxustiza” e incluso afirmaban que o axente, ao que se lle deu unha incapacidade laboral definitiva, se dedica a vender cuchos nos mercados de gando. Outros comentaban que a cadea ía “tronzarlles a vida aos rapaces” e incluso afectarlles á súa vida laboral.

Pouco despois das sete e media da tarde, unha grande ovación, o disparo de ducias de flashes, e os berros de “ánimo” acalaban todos os comentarios. Un dos condeados, Simón Márquez, aparecía entre o medio dos veciños collido da man da súa compañeira coa que se dirixiu cara un automóbil camiño de Teixeiro. Instantes despois, a modo de escolta solidaria, catro autobuses collían o mesmo rumbo. A parroquia do Eixo volvía demostrar que estaría cos seus veciños até o último momento, aínda que a xustiza, demasiadas veces, non entenda de razóns e, moito menos, de sentimentos.


5/5 (20 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: