O trasacordo do presidente paquistaní chegaría despois da presión internacional, e o xeneral tamén estaría disposto a ceder o control do exército.
Non había optimismo en Paquistán despois das últimas declaracións do propio primeiro ministro, Shaukat Aziz, quen asegurara que as lexislativas previstas para comezos de ano poderían adiarse durante meses ao tempo que o estado de emerxencia seguiría "o tempo que faga falta".
Pero finalmente, o presidente de Paquistán, Pervez Musharraf, tería cedido á presión que principalmente recibiu dos Estados Unidos, socio estratéxico na rexión e transmisor de importantes cantidades económicas no marco da chamada "campaña contra o terrorismo". "Non hai sombra de dúbida no meu espírito, as eleccións terán lugar e serán antes do 15 de febreiro de 2008", explicou en comparecencia televisiva Musharraf. Tamén se comprometeu a deixar o mando do exército antes de xurar un novo mandato presidencial, ao xeito que lle esixía a Constitución que el mesmo suspendeu estes días. A líder da oposición, Benazir Bhutto, criticou que Musharraf non fose máis concreto e esixiulle unha data concreta para os comicios.