O Senado aproba a reforma da Seguridade Social que endurece, ademais, o acceso á xubilación parcial, e amplía o período mínimo de cotización para cobrar unha pensión.
A partir de xaneiro será máis dificil xubilarse anticipadamente
A Cámara Alta do parlamento español aprobou este mércores a reforma da Seguridade Social, co obxectivo fundamental de preservar a sustentabilidade do sistema de pensións.
A lei, que deberá ser ratificada polo Congreso a finais deste mes, establece un incremento paulatino da pensión de xubilación, a partir de xaneiro de 2008, até un máximo do 15% en cinco anos para os que desexen prolongar a súa vida laboral máis alá dos 65 anos. Os empresarios non terán que cotizar á Seguridade Social por estes casos.
Ademais, a lei endurece o acceso á xubilación parcial e amplía de 12,5 a 15 anos efectivos o período mínimo de cotización esixido para cobrar unha pensión. O Estado Español é un dos membros da UE onde máis tarde se xubilan os traballadores: 63,5 anos fronte aos 60,9 de media nos países veciños.
Parellas de feito
Por outra banda, a reforma permitirá que as parellas de feito cobren unha pensión de viuvez sempre que acrediten un período de convivencia. No entanto esixiráselles cinco anos, fronte aos dous que deben documentar os matrimonios.