Representantes de Alemaña, Flandres, Irlanda, Escocia, Italia, Andalucía, Dinamarca, Córsega, os Països Catalans, Andalucía e Galiza participaron na primeira asemblea desta rede.
Reunidos estes días en Euskadi, os políticos participantes prometeron continuar a traballar por "expandir a nivel internacional" os seus postulados de autodeterminación para os pobos, así como na defensa "do dereito de autodeterminación de Euskal Herria", que han levar a "diferentes institucións e organismos internacionais".
A Rede Gernika pola Autodeterminación
Está composta por parlamentarios e electos de distintos países europeos, e celebrou a súa primeira asemblea esta fin de semana na vila biscaíña.
Esta iniciativa foi presentada o pasado 25 de abril, coincidindo cos actos organizados pola iniciativa popular Gernika Batzordea en conmemoración do 70 aniversario do bombardeo da vila. Daquela xurdiu a idea de actuar a nivel internacional polo recoñecemento do dereito á libre determinación de Euskal Herria. No domingo todos os integrantes da asemblea subscribiron isto ao asinar unha declaración conxunta.
Os representantes políticos europeos que asinaron o manifesto foron Michael Leutert (parlamentario alemán do partido Die Linke no Bundestag e membro da Comisión de Dereitos Humanos); Jan Loones (deputado flamenco que, ademais, aproveitou a viaxe para visitar a Arnaldo Otegi); Lloyd Quinan (ex membro do Parlamento escocés polo SNP e participante na iniciativa pola independencia de Escocia); Francie Brolly (membro do Parlamento de Stormont en nome do Sinn Féin), e os concelleiros das Candidatures d'Unitat Popular (CUP) de diferentes localidades dos Països Catalans Otger Amatller, Laia Jurado, Ana María Guijarro e Anna Gabriel.
A rede tamén está composta por outros países como Dinamarca, Italia, Córsega, Bielorrusia, Andalucía e Galiza, que está representada por Mariano Abalo, membro da Fronte Popular Galega, que non puido estar na xuntanza, mais que enviou a súa adhesión e apoio á iniciativa.
Moitos pobos cun obxectivo común
Os senadores de Rifundazione Comunista e o partido dos Verdes xa presentaron unha iniciativa no senado en relación á actual situación de Euskal Herria e outros países aseguraron ter tomado "o firme compromiso" de expandir a rede a nivel internacional. Todo resumido nas palabras do representante escocés Lloyd Quinan: "queremos ser parte da comunidade internacional e temos dereito a ter unha voz propia nas Nacións Unidas".
Pola súa parte, Michael Leutert, dixo que a "esquerda europea debe implicarse e axudar a solucionar o conflito vasco" e "Europa debe consideralo como un problema interno".
No xornal vasco Gara poden ampliar información.