As ambiciosas promesas a prol da participación cidadá do Parlamento baten coa realidade: a desinterese dos parlamentarios.
"Non hai ningún/ningunha deputado/a do BNG con sitio web". Tal é a mensaxe que o internauta recibe cando entra no espazo que a nova web do Parlamento de Galicia aquelou para que os representantes do pobo poidan poñer en marcha de xeito moi sinxelo as súas propias páxinas persoais. Xa que logo, os do BNG son os menos aplicados na cuestión, xa que fóra da web parlamentaria, ningún deles ten tampouco o seu sitio propio en internet.
Máis interesados na rede aparecen os parlamentarios do PPdeG. Media ducia dos deputados populares abriron páxina cando comezou a funcionar o novo sistema. Con todo, tres deles aparecen case baleiros, con só un artigo: os de Xosé Manuel Baltar, Ángel Tahoces e Diego Calvo. Os outros tres, os de Manuel Ruíz, Roberto Castro, Susana López, son utilizados como almacén das notas de prensa dos que cada un deles sexan protagonistas. Estes dous últimos mesmo teñen baleiro o espazo de caixa de correo, e non lle proporcionan o correo electrónico aos cidadáns. Fóra da web parlamentaria, só o ourensán Xosé Manuel Baltar ten a súa bitácora funcionando de xeito estábel: ManuelBaltar.com. Na web do PPdeG tamén se creou un espazo para os weblogs dos seus representantes, aínda que fóra do impulso inicial ningún deles mantén unha actividade significativa na rede.
O grupo parlamentario do PSdeG aparece coma o máis activo na web do Parlamento. Oito deputados abriron páxina no espazo correspondente, malia que un deles, o de Beatriz Sestayo, está aínda sen contido ningún. Os deputados socialistas Ismael Rego, Guillerme Ameijón ou Pablo López Vidal, usan a web principalmente para deixar as notas de prensa relacionadas coa súa actividade parlamentaria. O resto, Xaquín Fernández Leiceaga, Abel Losada e Xosé Manuel Lage, empregan este apartado fundamentalmente para deixar no apartado de "Documentos", información relacionada coa súa actividade. Ademais, a presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, deixa tamén constancia neste apartado da súa actividade institucional, e fai escolma das súas entrevistas en prensa. Fóra do espazo parlamentario, o único deputado socialista do Parlamento con espazo na rede é Xosé Manuel Lage, quen xunto co ourensán Baltar é unha das excepcións no ermo da bloguesfera política galega.