"Había unha rede que tratou de tirar tallada, e tirouna", reprochoulle Carlos Aymerich ao ex conselleiro de Economía. Pola súa parte, Xosé Antonio Orza, insistiu en que o proxecto será "amortizado" polo país.
O nacionalista Carlos Aymerich expresou este luns no Parlamento as súas sospeitas de que o edificio de novas tecnoloxías incluído no proxecto da Cidade da Cultura "non se deixou para o final para aproveitar os avances tecnolóxicos" durante o proceso, senón para "rematar de tecer unha rede de empresas que se financiaron a costa del". Referiuse o representante do BNG nesta comisión de investigación aos contratos conseguidos ao respecto por empresas relacionadas con antigos altos cargos da Xunta. Paradoxalmente, os prometidos compromisos de financiamento por parte de iniciativa privada para esa edificación nunca se concretaron, segundo subliñou Aymerich.
O voceiro parlamentario do BNG criticou que o daquela conselleiro de Economía "non exerceu o labor de control" que lle correspondía, motivo polo que o cualificou de corresponsábel do desbaldimento. Na opinión de Carlos Aymerich o ex conselleiro non só non puxo reparo ás irregularidades senón que mesmo "as alentou e aplaudiu" desde a súa posición no padroado da Fundación.
Por outra parte, o voceiro socialista, Xaquín Fernández Leiceaga, censurou que cando o anterior goberno fixou "un novo custo global" da obra, non llo trasladou a ningún órgano colexiado nin á opinión pública ningún tipo de dato relativo a esa situación. Fernández Leiceaga fixo un repaso de irregularidades entre as que citou a contratación dunha nova empresa para a supervisión do proxecto básico, malia que se lle pagou á anterior practicamente a suma acordada; a non aplicación de criterios de mercado para fixar os honorarios da empresa Perea Euroestudios e a ausencia de controis estreitos en toda a actividade da Fundación Cidade da Cultura.
"Sabendo que ía custar o triple, é sensato lanzar un proxecto deste calibre sen avaliar con rigor custos e beneficios?", preguntoulle Leiceaga a Xosé Antonio Orza, "parécelle que isto é unha xestión razoábel de cartos públicos?".
Orza: entre a desmemoria e a desatención
"Eu penso que Galiza vai tirar beneficios importantes deste proxecto, será amortizado", subliñou o ex conselleiro, evitando referirse a cuestións concretas sobre as que lle pediran opinión os voceiros socialista e nacionalista. Ao respecto da polémica contratación do cuñado de Rajoy como director financeiro da Fundación Cidade da Cultura comentou que a súa sinatura non estaba nese contrato recoñecendo con todo que "iso non quere dicir que non soubera" da súa candidatura e posterior contratación. "Non preguntei nada sobre o parentesco", dixo Orza, afirmando que para el ese dato "non debera ser vantaxe, pero tampouco prexuízo".
Orza salientou que na súa opinión eran abondo os controis estabelecidos pola Xunta desde 1999 para a avaliación da corrección en todos os trámites da Fundación. Por outra parte, e ao respecto do presunto compromiso que no seu momento o anterior goberno aseguraba que existía para a axuda ao financiamento desde o executivo estatal, Orza opinou que "había tempo para iso, e ségueo habendo".