O PPdeG revalidou a maioría absoluta da que goza desde 1979. Da emigración chegaron 250 papeletas.
Cinco meses despois dos comicios municipais, o pequecho municipio ourensán repetiu elección esta fin de semana. E as urnas ofrecen idéntico reparto: 7 asentos para PPdeG, 1 para PSdeG e outro para BNG.
Segundo informaba o domingo o alcalde en funcións, Roxelio Martínez, de fóra de Galiza chegaron até 250 papeletas xa que malia que preto dun milleiro de emigrantes poderían votar, só 350 solicitaran o voto. No propio concello reside durante o ano apenas un número similar de veciños.
A Xunta Electoral Central ordenara a repetición das eleccións municipais logo de o PSdeG e BNG denunciaren a existencia de irregularidades. A Arnoia, gobernada polo PP dende o 27 de maio, é o único concello galego en que se anulou unha mesa e onde se repiten comicios.