Son 357 habitantes do concello ourensán e 350 electores ausentes os chamados este domingo ás urnas para elixiren alcalde.
Roxelio Martínez é o alcalde en funcións da Arnoia
A Xunta Electoral Central ordenara a repetición das eleccións municipais logo de o PSdeG e BNG denunciaren a existencia de irregularidades. A Arnoia, gobernada polo PP dende o 27 de maio, é o único concello galego en que se anulou unha mesa e se deben repetir os comicios, malia prognosticaren, tanto populares, como socialistas, como nacionalistas, que os resultados non han cambiar moito con respecto a hai cinco meses: o PP lograra sete concelleiros, o PSdeG un, e o BNG outro.
O rexedor en funcións, Rogelio Martínez, declaroulle a Europa Press a súa seguridade de que non houbera irregularidade ningunha e de que o resultado non vai dar un xiro. Apuntou que "pode xogar un concelleiro", suposto en que coinciden tamén tamén os candidatos socialista e nacionalista. Este último, Rodrigo Alberte, prevé que o 90 por cento dos votos sexan para o PP, “que usa todas as súas artimañas".
O socialista Jorge Rodríguez, pola súa banda, amosouse optimista perante a idea de lles coller un edil aos populares: xa en maio quedaran a seis votos de teren un segundo concelleiro.