Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Menos dun 5% das novas nos de maior difusión

Nin un patacón máis para os xornais que "nin respectan nin fomentan o galego"

O BNG pide no Parlamento que non se subvencione a estes periódicos. Fernando Salgado recoñece non estar "satisfeito cos resultados obtidos de presenza do galego nos medios".

Redacción - 14:15 26/10/2007

O deputado do BNG no Parlamento Bieito Lobeira presentou este venres na Comisión Primeira do Parlamento os datos obtidos dun "exhaustivo estudo feito por dez estudantes de Xornalismo".

Segundo este informe sobre o uso do galego nos medios de comunicación, os xornais de maior difusión do país só utilizan o galego nun 4% ou 5% das súas informacións, namentres que "o español se impón nun 96%".

"Vetos" ao galego
Lobeira lembrou tamén a denuncia do Sindicato de Xornalistas sobre a "falla de liberdade á hora de poder informar en galego", de tal xeito que, os profesionais da información teñen que "traducir comunicados e entrevistas en galego e mesmo declaracións entrecomiñadas".

Para o voceiro do BNG, en temas lingüísticos existen "vetos" que prohiben a utilización "do galego cando se solicita polo entrevistado", polo que asegurou non entender como estes medios de comunicación poden recibir axudas polo fomento da lingua do país.

"O resultado práctico é que os medios utilizan menos o galego ca en 1977", sentenciou Lobeira, quen pediu que remate "esta dinámica de discriminación aberrante".

"Insatisfacción" do secretario de Comunicación

O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, describiu as dúas liñas de axudas existentes na actualidade en Galiza: a primeira para todos os medios escritos, radios e prensa electrónica que difundan algunha noticia en galego (dotada este ano con 2.243.836 euros); a segunda para as publicacións integramente en galego normativo (640.000 euros).

Salgado asegurou que o novo Goberno incrementou as axudas aos medios para potenciar o idioma e favoreceu a transparencia, en detrimento do sistema de convenios dos medios con Política Lingüística. No entanto, admitiu que non está "satisfeito dos resultados obtidos de presenza do galego nos medios".

Lobeira insistiu en que a Xunta debe subvencionar aos medios "con criterios que sexan positivos para o país, e pode cortar as subvencións cando o considera oportuno".

Neste senso, o deputado nacionalista preguntou se "esta política se vai manter ou se vai modificar", ao tempo que asegurou que os convenios seguen a existir, e que no segundo cuadrimestre deste ano contaban cun orzamento de 1,5 millóns de euros.


5/5 (43 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: