O ministro de Asuntos Exteriores cubano, Felipe Pérez Roque advertiulle de que lle está a falar "a un exército libertador. Esquece que o exército de Cuba é o pobo uniformado".
Felipe Pérez Roque, este mércores na Habana
O ministro de Asuntos Exteriores cubano, Felipe Pérez Roque acusou este mércores ao presidente de Estados Unidos, George Bush, de incitar ao levantamento interno en Cuba e de tratar de recrutar aos militares cubanos.
"Promételles perdoarlles a vida, se agora, a tempo, se arrepinten de servir ao pobo", afirmou Pérez Roque, quen afirmou que Bush "está delirando". Ademais, advertiulle de que lle está a falar "a un exército libertador. Esquece que o exército de Cuba é o pobo uniformado".
Os combatentes cubanos, agregou, fixeron posible a independencia de Namibia, a liberación de Nelson Mandela, a legalización do Congreso Nacional Africano e o xurdimento dunha Suráfrica sen Apartheid, política racista que apoiou EUA.
"É unha confirmación de que a política en vigor no réxime de Bush é o cambio de réxime de Cuba, mesmo pola forza", insistiu Pérez Roque.
"Invocación á violencia"
O ministro considerou que as declaracións de Bush foron entendidas na illa caribeña como "unha invocación á violencia, un chamado ao uso da forza para derrocar a revolución e impor os seus designios en Cuba".
Pérez Roque advertiu de que chegado o caso, Estados Unidos enfrontaríase a "millóns de combatentes, que atoparán a un pobo fogueado e preparado".
O titular da diplomacia cubana cualificou o discurso de Bush como unha descrición "mentireira e ridícula" da situación actual de Cuba, e xustificou este feito en que "só a cegueira e o odio poden levar" a estas palabras.