O presidente estadounidense, nun discurso previsto para este mércores, lanzará unha advertencia ao goberno da illa, e ofrecerá aos seus habitantes a súa "cara máis humana".
O presidente dos Estados Unidos de América, George Bush, ofrecerá este mércores un discurso dirixido ao país veciño, Cuba.
Segundo informa o diario The New York Times, o mandatario estadounidense lanzaralle unha severa advertencia ao goberno da illa: "EUA non aceptará unha transición política en Cuba, na que haxa unha transferencia de poderes dun irmán Castro ao outro (Fidel e Raúl), en troques de ao pobo cubano".
De ser así, os Estados Unidos manterían a súa política económica actual coa illa, é dicir, o embargo e bloqueo das súas transaccións comerciais con Cuba, así como as sancións a aquelas empresas nacionais ou transnacionais que por terceiras vías puidesen ter comerciado co país caribeño.
"Hai unha nova Cuba para ti"
No entanto, George Bush ofrecerá a súa "cara máis humana" cando se dirixa ao pobo cubano, dándolles folgos para que "continúen a resistir", e comunicándolles que "pronto terán que facer unha elección, entre a liberdade ou a represión dun réxime moribundo".
A policía e o exército de Cuba tamén serán obxecto do relatorio de Bush, aos que está previsto que lles diga que "hai un lugar" para eles "nunha nova Cuba".