Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A XESTiÓN DA CIDADE DA CULTURA

O cuñado de Rajoy négase a explicar como chegou a director económico do Gaiás

O PPdeG defende estaba "preparado de sobra" para ocupar o posto de alta dirección.

Redacción - 18:30 24/10/2007

Manuel Fernández Balboa, cuñado do presidente do PP, Mariano Rajoy, compareceu este mércores diante da comisión que investiga a Cidade da Cultura. A pesar das constantes preguntas de socialistas e nacionalistas, Fernández Balboa non deu explicacións de como chegou a ser director económico da Fundación Cidade da Cultura. Visibelmente nervioso, negouse a aclarar como se decatou da existencia deste posto de alta dirección.

Fernández Balboa estivo no cargo de director económico da fundación entre marzo de 2001 e novembro de 2005. En todo momento, sinalou que el estaba a ocupar un “posto político”. A pesar de que o deputado nacionalista Carlos Aymerich preguntou en varias ocasións se o acceso ao cargo tivera algo que ver co parentesco con Rajoy e falou dunha “trama económico-política”, Balboa limitouse a explicar como foi a súa saída da fundación.

O cuñado de Rajoy tampouco puido explicar como puido chegar ao cargo a pesar da escasa experiencia profesional anterior ao seu nomeamento. Para defenderse, Fernández Balboa asegurou que, logo do cambio de goberno, os novos xestores da Fundación Cidade da Cultura querían seguir contando con el. Aymerich asegurou que tan só se lle pedira que continuara mentres non chegaba outra persoa para ocupar o posto.

Pola súa parte, o deputado popular Ignacio López Chaves fixo unha defensa total do cuñado de Rajoy. Ao seu ver, Fernández Balboa estaba sobradamente preparado para ocupar o cargo porque era licenciado en Empresariais e tiña un máster. En canto á experiencia previa chegou a dicir que se non se lle daba non a podía ter debido á súa xuventude (29 anos cando accedeu ao cargo).

Na comisión tamén compareceu o que fora director xerente da Fundación, Ángel Currás, que á súa vez era irmán do ex conselleiro de Educación. Logo dos duros ataques de PSdeG e BNG pola multiplicación dos custes da obra, Currás asegurou que “nos proxectos de gran singularidade é moi complexo estimar o custo final do proxecto”.

Enfrontamentos

Máis aló das acusacións de nepotismo e desbalde, socialistas e nacionalistas mantiveron tamén unha dura pugna dialéctica co popular López Chaves. Este último defendeu a capa e espada os comparecentes e lanzou continuos ataques contra os partidos de goberno, especialmente contra o BNG. A discusión chegou a un punto tan disparatado que o deputado popular chegou a falar da relación da UPG con Herri Batasuna a principios dos anos 80. A presidenta da comisión, Ana Pontón, tivo que chamalo varias veces á orde.


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: