Unha vez remitido a Protección Civil, deixa en mans da "autoridade competente" a data en que se poida activar o protocolo de urxencia, previsto en caso de accidente.
Imaxe de Reganosa dende unha casa de Mugardos, propiedade da empresa / Foto: Comité Cidadán de Emerxencia
Nun encontro cos medios este martes, responsábeis da regasificadora instalada na Ría de Ferrol, Reganosa, deixaron en mans de Protección Civil a data en que se poderá implantar o Plan de Emerxencia exterior, aínda que precisaron que "non é necesario que estea activado" para que a planta poida desenvolver o seu traballo con normalidade.
Reganosa remitiu este plan de urxencia en caso de accidente a Protección Civil. Xa que logo, segundo afirmaron, este asunto "pasa á autoridade competente". A planta atópase en período de probas dende o pasado mes de maio e está á espera de que o Ministerio de Industria lle conceda a licenza definitiva.
Xuntanza cos veciños
Por outra banda, os responsábeis de seguridade da regasificadora, situada no Concello de Mugados (Ferrol), anunciaron que manterán diversas reunións co corpo de bombeiros, con Protección Civil e cos veciños residentes na zona de alerta da planta (de 370 metros) para darlles a coñecer o Plan de Emerxencia e que saiban como actuaren en caso de accidente.
Os máximos dirixentes da instalación reiteraron que Reganosa conta "con todas as medidas esixíbeis en canto á seguridade", e que é "imposíbel convencer a quen non quere ser convencido", en alusión ao Comité Cidadán de Emerxencia.