Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os probábeis "números 1"

Blanco, Espinosa, Molina e Louro, as cabezas do PSOE para as xerais

Dous ministros e o secretario de Organización do PSOE, aparecen como as bazas electorais que os socialistas xogarán en Galiza para as próximas eleccións xerais.

Redacción - 09:00 22/10/2007

Apuntan as matemáticas electorais que a provincia de Ourense é unha das que, ao fío dos resultados dos recentes comicios municipais, e segundo a tendencia recente nas enquisas, máis probábel será que poida haber cambio na asignación dalgún dos asentos nas próximas eleccións xerais. Xa que logo, PSOE e BNG aspirarían a rabuñarlle nesa provincia un deputado ao PP.

Para esa cita, os socialistas con probabilidade levarán como cabeza de lista a actual ministra de Agricultura, Elena Espinosa. O secretario de Organización do PSdeG, Ricardo Varela, recoñecía este domingo nos micrófonos da RNE que Espinosa "podería defender moi ben os intereses do PSOE" na provincia. Varela destacou que a ministra "é ben valorada" en Ourense, onde ademais o seu nivel de coñecemento entre os cidadáns sería alto debido ao vencello da provincia co ámbito agrario. "Ela estaría encantada de defender os intereses de Ourense", engadiu Varela.

Sobre a mesma cuestión falaba e no mesmo día, a propia ministra, quen en declaracións para a Radio Galega recoñecía a súa disposición a encabezar a lista ourensá. Elena Espinosa referiuse á súa xa longa militancia no PSOE, desde os 25 anos, e admitiu "alegría e gañas" fronte á posibilidade de ser a número 1 do partido por Ourense.

César Molina, na Coruña
Probábel tamén sería a candidatura doutro ministro, neste caso o de Cultura, César Antonio Molina, pola provincia da Coruña. Malia non acumular como Espinosa unha traxectoria de militancia no PSOE, a súa proxección pública á fronte do ministerio querería ser aproveitada polos socialistas para que Molina sexa cabeza de lista, nun área onde os resultados estarán condicionados pola posíbel perda global dun escano na provincia pola redistribución a nivel estatal en función da poboación.

A acumulación de éxitos na provincia de Lugo para o PSOE en cada unha das últimas citas coas urnas, co impulso recente ademais da viraxe de poder á fronte da Deputación, agora presidida polo socialista Xosé Ramón Gómez Besteiro, traerá unha vez máis ao primeiro posto da lista do PSOE polo Congreso ao actual secretario de Organización do PSOE, Xosé Blanco. Mentres, en Pontevedra repetiría Antón Louro, actual coordinador dos socialistas galegos no Congreso.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: