O servizo, xa posto en marcha pola compañia de Gates, está pensado, en principio, para as peculiaridades da sanidade estadounidense.
Os dous principais xigantes da rede, Google e Microsoft, xa teñen plans para as nosas historias clínicas. O primeiro paso deuno a compañía de Bill Gates. Hai dúas semanas anunciou o lanzamento dun servizo de saúde electrónica para gardar e compartir arquivos médicos, recoller e xestionalos a través de diversos dispositivos domésticos e consultar información sanitaria.
As aplicacións, dispoñíbeis na web Health Vault, permiten que os usuarios compartan dun xeito seguro e doado a información sobre a súa saúde cos proveedores sanitarios, nun país, como os Estados Unidos de América, onde non existe unha sanidade pública ao xeito europeo. Así, os médicos poden obter con facilidade os historiais dos seus pacientes.
Non tardou nin dúas semanas Google en facer o mesmo, e xa anunciou que vai desenvolver a súa propia aplicación para gardar arquivos médicos. O interese da compañía xurdiu, segundo eles, a consecuencia do furacán Katrina, que destruíu as historias en papel de varios hospitais da rexión afectada.
Pero agora xorde a dúbida de se eses datos privados estarán verdadeiramente a salvo das entidades interesadas en coñecelos, como pode ser o caso das aseguradoras.