"O PPdeG poderá evidenciar se realmente defende o dereito das mulleres de baixa por maternidade ou utiliza o caso da deputada González Méndez para seguir montando un circo", afirman.
A nacionalista Tereixa Paz
O voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, e a deputada nacionalista Tereixa Paz anunciaron este venres que na vindeira xuntanza da Mesa de portavoces van presentar un escrito solicitando a constitución dunha ponencia conxunta para comezar o debate de reforma do regulamento da Cámara.
Tereixa Paz lembrou que xa hai un ano que o BNG fixo un emprazamento semellante aos grupos, mais salientou que desta volta decidiron dar un "paso máis" á vista dos últimos debates que se deron estes días en pleno, que fan prever que a iniciativa vai prosperar por unanimidade.
"O PPdeG terá unha grande oportunidade para evidenciar se realmente quere que as mulleres de baixa por maternidade poidan votar, ou simplemente queren utilizar o caso da deputada (Amparo) González Méndez para facer un circo sobre este asunto en cada sesión plenaria", sinalou Paz.
Compromiso do Pacto de Goberno
Aymerich recordou que a reforma é un compromiso asumido no Pacto de Goberno, ao que se suma agora a novidade do consenso dos tres grupos. Considerou ademais a ponencia como a mellor fórmula e a máis democrática para acometer a reforma, fronte á que se realizou no 93, que foi froito dunha iniciativa unilateral do PP.
O obxectivo é, segundo dixeron os nacionalistas, "redactar un regulamento novo que serva non só para a conciliación da vida persoal e laboral, senón tamén para axilizar os traballos da Cámara, achegar o debate das iniciativas á sociedade -acurtando os prazos- e democratizar a actividade da vida parlamentaria".