A conselleira de Pesca, Carme Gallego, denunciou que o PP lle da as costas ao interese xeral para defender "unha empresa determinada".
Referíase a conselleira a Pescanova, malia non mencionala directamente, cando acusou o PPdeG de presuntamente privilexiar unha empresa coa súa aprobación durante a anterior etapa de goberno e malia estar xa en funcións, do proxecto de Tecnoloxía Alimentaria que estabelecía flexíbeis concidicións para as empresas con intereses acuícolas.
Segundo Carme Gallego, o ex conselleiro de Pesca Henrique López Veiga elaborou unha proposta "xa en tempo de desconto" unicamente pola "presión" recibida por Pescanova. Na opinión da conselleira, o PPdeG deixou unha "inseguridade xurídica brutal" para o sector debido ás ameazas dunha empresa con que "marchaba" de Galiza. Fronte a iso, defendeu Gallego que o plan presentado polo bipartito está aberto "a todos os que queiran achegar proxectos". "Non só lle serve ao sector, que non dixo nada en contra, senón que respecta o medio", explicou a responsábel de Pesca, lembrando que o plan do PP contemplaba permisos para factorías que lle afectaban a Rede Natura, até o 27% da superficie total, mentres que na actualidade a previsión sería que só un 1,8% de espazos en Rede Natura sexa afectado.
O PPdeG advirte de que as empresas marcharán a Portugal
"Forzará outras empresas a seguiren o camiño de Pescanova e trasladaren os seus centros de produción a Portugal", asegurou o deputado Xosé Manuel Balseiro na súa intervención parlamentaria. O voceiro de Pesca do PPdeG considera que que o plan de acuicultura promovido polo actual goberno provocou "a absoluta paralización do sector durante máis de dous anos" e propón agora "proxectos inviábeis desde o punto de vista técnico e económico". Balseiro insistiu en solicitar que se lle permita ás empresas instalar piscifactorías dentro da Rede Natura, asegurando que a normativa permite forzar ese despregue.