Logo da intervención de Antonio López, conselleiro maior do Consello de Contas, quen resumiu as irregularidades máis importantes e criticou a xestión da etapa Fraga, o PPdeG insistiu en que "as cousas fixéronse como había que facelas".
Malia as reticencias do propio arquitecto, que argumentaba que implicaría unha modificación substancial do proxecto, a Ponencia Asesora da Hemeroteca e Biblioteca da Cidade de Cultura, propuxo no seu momento facer un párking á beira do edificio principal. A teima deu nun aparcadoiro subterráneo de tres andares e 206 prazas que custou algo máis de 7 millóns de euros, arredor de 1.167 millóns de pesetas. Tal e como o explicou este luns Antonio López, sinálase este dato como exemplo da extralimitación "nas funcións e capacidade de influencia" do que debera ser unha simple ponencia asesora, que supuxo un importante incremento no custo económico proxectado. Foi un dos detalles destacados durante a comparecencia parlamentaria do primeiro dos 33 chamados a falar diante desta comisión de investigación, entre eles o ex presidente Manuel Fraga, o actual presidente, Emilio Pérez Touriño, o vicepresidente, Anxo Quintana, e o líder do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo.
Da inspiración "divina" ao "todo vale"
Antonio López, conselleiro maior do Consello de Contas, limitouse este luns no Parlamento a resumir as principais conclusións do informe da institución sobre a Cidade da Cultura. Logo da súa primeira intervención, abriu a quenda dos deputados o voceiro do BNG, Carlos Aymerich, quen asegurou que o documento confirmaba as advertencias que o Bloque fixera hai tempo: "a idea non foi froito de consultas cos axentes culturais do país, senón que saíu dunha especie de inspiración divina de Manuel Fraga Iribarne". Lembrou Aymerich as palabras coas que Fraga sentenciara no seu momento e no Parlamento: "Imos tirar para adiante con este tema. Cremos que é bo para Galiza". Recordou ao fío que xa daquela os nacionalistas expuxeran que o impulso dun proxecto cultural ambicioso e de país precisaba de "diálogo e de consenso".
"A premisa era traballar na dirección de Fraga e todo valía", reprochoulles aos populares o voceiro do BNG, "Se había que pasar por riba da lei, facíase, e se había que impoñer o silencio dos órganos de control interno, tamén, e o mesmo se había que comprometer os orzamentos do Goberno". Na opinión de Carlos Aymerich o goberno que lideraba Manuel Fraga "abdicou das súas responsabilidades na xestión prudente dos fondos".
Por outro lado, o voceiro do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, afondou na crítica ao modelo escollido polo executivo anterior, laiándose de que mesmo se evitase que unha empresa puidese ter o control financeiro da obra ao xeito en que se fixera en Bilbao co Guggenheim. Recorda o socialista que a propia consultora, Idom, avisou en 2001 de que se produciría un importante aumento de custo, que os prazos serían moito máis longos e que diminuiría a calidade global da obra e citou outra auditoría onde xa se advertía de que os custos de mantemento se dispararían até os 50 millóns de euros anuais. Leiceaga preguntou se mesmo a creación da propia Fundación se realizara coa fin de "evitar" todo tipo de controis e co obxectivo de que "cargos políticos do PP" tomasen todo tipo de decisións "sen problemas" e afastados dos mecanismos de control internos da administración. Doutra volta, o deputado socialista referiuse tamén criticamente á concepción que o goberno anterior realizou sobre o proxecto como "un espazo para ver" onde paradoxalmente "os contidos non eran importantes" e laiouse da despreocupación da administración Fraga ao respecto.
O PPdeG defende que todo "foi legal"
Logo dunha breve intervención inicial do deputado Ignacio López Chaves, quen se queixou de que á comisión aínda non lle fora enviada a metade do material solicitado, a Manuel Ruíz Rivas tocoulle defender este luns a posición do PPdeG logo da extensa exposición de irregularidades que resumira o conselleiro maior do Consello de Contas. Esforzouse o representante do PPdeG por escudarse en burocracias para a defensa de críticas puntuais e asegurou que o informe non fala de "ningunha responsabilidade contábel nin penal" respecto do proxecto. Malia recoñecer á fin que todas as recomendacións realizadas polo Consello de Contas deben ser consideradas e "aplicadas" no futuro polo Goberno, o PPdeG rexeitou asumir a responsabilidade pola actuación neste asunto durante a última etapa no goberno. Así, Ruiz Rivas insistiu en acusar a socialistas e nacionalistas de promoveren a comisión de investigación para cuestionar "a propia existencia da Cidade da Cultura".