Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Despois dunha rifa de socialistas e nacionalistas

Inédita maioría do PPdeG no Parlamento

O PPdeG gañou unha votación despois de que PSdeG e BNG non fosen quen de acordar sobre a publicación no DOG das normas do galego. Si foi adiante a iniciativa para a galeguización da asesoría xurídica da Xunta.

Redacción / Europa Press - 09:00 09/10/2007

Unha iniciativa do BNG, presentada polo deputado Bieito Lobeira, instaba á Xunta a publicar no Diario Oficial de Galicia as normas do galego que en xullo de 2003 aprobara a Real Academia Galega. Durante o debate na Comisión Institucional, o PSdeG rexeitou o texto na forma en que fora presentado e propuxo unha emenda. A modificación instaba á Xunta a "oficializar e popularizar" a normativa da Real Academia Galega e suprimía a reclamación de publicala no DOG.

Vendo o asomo de fenda aberta, o PPdeG, que inicialmente parecía estar a prol de aprobar o texto sen cambios, negouse a votar a modificación. Paradoxalmente, e malia a posición que inicialmente defendera o deputado popular Agustín Baamonde, o PPdeG votou en contra da iniciativa, impoñendo así a súa maioría. Non tardaron os populares en aproveitar o suceso para asegurar que o desencontro de socialistas e nacionalistas era un episodio máis da "escala dialéctica iniciada esta mañá polo voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, que acusou aos seus socios de utilizar a recén inaugurada delegación da Xunta en Buenos Aires como unha oficina de tramitación de votos" e insistir en que se "multiplican os enfrontamentos" entre os socios.

Así e todo, o Parlamento si foi escenario este luns do consenso de PSdeG e BNG doutra iniciativa en materia lingüística, desta volta arredor da proposición non de lei dos nacionalistas na que se instaba a galeguizar o servizo da asesoría xurídica da Xunta, co obxectivo de que preste, por defecto, "todos os seus servizos, tanto en lingua oral, como escrita, en galego". "Son as institucións galegas as que deberan dar exemplo dunha conduta lingüística coherente", defendeu ao respecto Bieito Lobeira.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: