A capital francesa conta con conexión á rede nos seus principais espazos públicos.
Aínda que a Comisión do Mercado das Telecomunicacións española prohibe a extensión de redes sen fíos urbanas de balde, non acontece o mesmo en todo o mundo. Así, a cidade de París acaba de poñer en marcha unha rede wifi gratuíta, con 225 puntos de acceso espallados por todo o seu territorio.
Porén, o acceso á internet só é posíbel en horario diúrno, cando as instalacións onde se sitúan os accesos están abertas. Pola noite, a rede limítase á praza do concello e aos Campos de Marte, preto da Torre Eiffel. A idea xurdiu do alcalde da capital francesa, o socialista Bertrand Delanoë, inspirado nunha iniciativa semellante posta en marcha na cidade estadounidense de San Francisco.
O servizo xa comezara a funcionar experimentalmente no mes de xullo, con cen puntos de acceso, aínda que algúns deles tiveron que ser modificados despois por problemas de conexión. O obxectivo é acadar as 400 zonas wifi a finais deste mes, máis da metade delas en zonas verdes. A conexión ten un largo de banda de 8 megas e só se permite a conexión simultánea dun máximo de 20 persoas en cada punto de acceso.