Grande-Marlaska advertiulle de que veña acompañado do seu avogado, xa que se negou a entregar o carrete coas instantáneas.
O xuíz Fernando Grande-Marlaska citou para este venres, en calidade de testemuña, ao fotógrafo que gravou as instantáneas da queima de fotos dos reis o pasado sábado en Girona (Cataluña).
Segundo informou a emisora de radio española Cadena SER, o fotógrafo catalán Jordi Ribot negouse a entregar o carrete coas instantáneas e afirmou que el non vai facer "o traballo da policía".
Ante o desafío, o maxistrado citouno na Audiencia Nacional de Madrid, e comunicoulle que debe ir acompañado por un avogado, por se se volvese negar a entregarlle o material solicitado.Segundo a emisora, a conduta do fotógrafo podería constituír un delito de desobediencia á autoridade.
O Colexio de Xornalistas de Cataluña (CPC), que este mércores xa denunciou que a Audiencia requirira a varios reporteiros o material gráfico e audiovisual, xa amosou o seu apoio ao profesional: "O Colexio dará todo o seu apoio legal e institucional a este compañeiro e a todos os profesionais afectados".