Porén, socialistas e nacionalistas coinciden na necesidade de que compareza canda Touriño.
Fraga por Touriño, esta é a chiscadela que lle fan os populares aos socialistas. A formación conservadora presentou este luns a súa proposta de traballo para a comisión parlamentaria. Pide que se chame a declarar a quince persoas, encabezadas pola conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; o seu predecesor, Xesús Pérez Varela; e o alcalde de Santiago, Xosé Antón Sánchez Bugallo. Ademais, os populares esixen un “principio de reciprocidade”; é dicir, se se chama a un responsábel da anterior administración hai que facer o mesmo co seu homólogo actual.
Pola súa parte, o BNG quere unha investigación moito máis completa. En total son 26 persoas as que os nacionalistas cren que deben dar explicacións, entre as mesmas atópanse tamén o Manuel Fraga, Emilio Pérez Touriño e o ex conselleiro de Economía Xosé Antón Orza. O propio PSdeG coincide na necesidade de que compareza Fraga e non pon obstáculos a que o faga Touriño.
Sexa como for, nas filas socialistas e nacionalistas dase por feito que Manuel Fraga vai ser chamado a declarar. Aínda que están dispostos a negociar unha lista consensuada, a presenza do que fora máximo responsábel da Xunta semella unha cuestión irrenunciábel.